publicidade hoxe

Os centros educativos poderán acollerse a 42 programas de innovación educativa a través do Plan Proxecta+ o próximo curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de convocar o Plan Proxecta+ para o vindeiro curso 2021/22, cunha oferta de 42 programas diferentes de innovación educativa a desenvolver por parte dos centros escolares e que abrangue temáticas variadas relacionadas cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade.
Esta iniciativa, que cada ano poñe en marcha a Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración con diferentes organismos públicos, está dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores e os obxectivos para o desenvolvemento sostible promovidos pola Axenda 2030 das Nacións Unidas.

Colaboración con distintos organismos

O Plan Proxecta arrancou por primeira vez no curso 2012/13 para establecer un marco xeral de colaboración entre as distintas entidades que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos.

Na convocatoria actual cambia a súa denominación a Plan Proxecta+ para poñer de relevancia o paso que dá esta iniciativa na súa contribución á mellora da calidade educativa ao incidir en aspectos clave da adaptación do sistema educativo aos retos de carácter global recollidos nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 como a igualdade de xénero e a coeducación, a competencia dixital, o recoñecemento dos dereitos da infancia, a promoción da saúde, a educación intercultural ou a transición ecolóxica.

Do total de 42 programas diferentes ofertados o próximo curso, os máis representados son o ODS 3, centrado na promoción da saúde e do benestar e que se desenvolve en 10 programas; ou o ODS 11, que busca lograr que as cidades e as comunidades sexan máis inclusivas, seguras e sostibles.

Ademais, e aínda que é un obxectivo transversal en todos os programas, hai sete programas centrados no ODS 4 que procura unha educación inclusiva, equitativa e de calidade para todas as persoas. Outros ODS que resultan prioritarios en varios programas son o 5, igualdade de xénero, e o 13, acción polo clima, con 5 e 4 programas respectivamente.

Novidades

Un dos programas que entra a formar parte como novo no Plan Proxecta+ este curso 2021/22 é Vexo, veo Xacobeo, unha iniciativa no ámbito da educación patrimonial que permitirá ao alumnado de educación infantil e 1º e 2º de primaria desenvolver un proxecto interdisciplinar ao redor do Camiño de Santiago. Tamén se incorpora nesta convocatoria unha nova modalidade dentro do programa Salvavidas, Doazón de sangue, dirixida a fomentar actitudes favorables cara á doazón a través da concienciación do alumnado sobre os beneficios que ten para a sociedade este acto altruísta e solidario.

O feito de acoller a devandita variedade de programas baixo o Plan Proxecta+ pretende establecer un marco xeral de colaboración entre as distintas entidades que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos, fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns e, ao mesmo tempo, crear unha rede de centros na que se fomente o traballo cooperativo traballo activo e en rede do alumnado e do profesorado implicado. Un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixina como para o resto da comunidade educativa galega.

Os centros que desexen participar no Plan Proxecta+ deberán presentar a súa solicitude a través da aplicación de xestión do programa incluíndo unha breve descrición do proxecto que se vai desenvolver no curso 2021/22. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 16 de setembro de 2021.

23 de xuño de 2021 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.