publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O 84% dos concellos galegos recibirán axudas da Xunta por 6,4 millóns para promover a conciliación e previr e tratar a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas destinadas ás entidades locais da Comunidade (concellos, consorcios, mancomunidades, agrupacións ou asociacións de concellos) para o desenvolvemento de iniciativas dirixidas a promover a igualdade e previr e tratar a violencia de xénero. En 2021, os apoios chegarán a 262 concellos (o 84% do total) que aglutinan o 89% da poboación galega.

A Xunta investirá nesta convocatoria máis de 6,4 millóns de euros. Con estes cartos facilitarase a implantación de programas e medidas de igualdade no ámbito local en Galicia, co dobre obxectivo de contribuír a que mulleres e homes teñan as mesmas oportunidades e de avanzar na erradicación da violencia de xénero.

Ao abeiro desta convocatoria, O Goberno galego financia actuacións de catro programas: (1) fomento da conciliación; (2) promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; (3) apoio aos Centros de Información á Muller (CIM); e (4) o programa de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres.

O primeiro dos programas conta con 1,4 millóns de euros cos que se apoian iniciativas de máis de 100 entidades locais para o fomento das medidas de conciliación.

A segunda liña, con case medio millón de euros, céntrase na promoción da igualdade e da prevención e tratamento da violencia de xénero en medio centenar de entidades locais. Coa mesma a Xunta financia accións orientadas a previr a violencia de xénero e mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes s e doutras mulleres en situación de vulnerabilidade. Estes apoios inclúen medidas de loita contra a explotación sexual, incluída a prostitución.

A terceira liña ten como obxectivo apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM), integrada actualmente por 83 centros (2 máis que o ano pasado, ao abrir os centros ourensáns de Pereiro de Aguiar e Carballeda de Avia) que dan cobertura a 182 concellos. O Goberno galego apoia o financiamento dos postos de traballo dos CIM e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, destinando a este programa 3,9 millóns de euros (2,6 millóns en 2021 e 1,3 para 2022).

A cuarta liña céntrase na posta en marcha de medidas de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Na convocatoria deste ano destinarase case 500.000 euros para 89 entidades locais con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A Xunta leva investidos nestes programas desde o ano 2015 máis de 30 millóns de euros, o que permitiu axudar a máis de 50.000 mulleres e 17.500 familias.

22 de xuño de 2021 | 10:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.