publicidade hoxe

Galicia urxe a mellorar a gobernanza nas negociacións futuras das cotas de pesca nas augas compartidas entre a Unión Europea e o Reino Unido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a necesidade de reforzar a capacidade dos Estados membros nas negociacións futuras das cotas de pesca nas augas compartidas entre a Unión Europea e o Reino Unido co obxectivo de adecuar as posibilidades pesqueiras ás circunstancias dos caladoiros e das frotas e de evitar que se sente un precedente negativo. Nesta liña sinalou que é necesario dar maior seguridade e certeza á frota adiantando as negociacións e fixándoas cun prazo prudencial para organizar a actividade.

Así o destacou a titular de Mar durante a súa intervención por videoconferencia na audiencia pública sobre o futuro das relacións pesqueiras entre a Unión Europea e o Reino Unido tralo brexit, unha iniciativa organizada pola Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, que foi inaugurada polo seu presidente, Pierre Karleskind, e na que tamén interviu a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva. Alí Rosa Quintana tamén salientou a necesidade de que se dea a coñecer a configuración do Comité Especializado de Pesca, que a partir de agora se encargará de deliberar importantes cuestións para a actividade marítimo-pesqueira.

A conselleira do Mar puxo de relevo esta necesidade despois de que recentemente a UE e o Reino Unido acadasen un acordo de cotas de pesca ata finais deste ano para as especies en augas compartidas. Un acordo do que Galicia descoñece diferentes aspectos e que se acada xa cando hai que empezar a negociar de cara ao 2022, especificou a conselleira. Ademais lamentou que no acordo só tivesen preponderancia os aspectos medioambientais e non se equilibren os económicos e sociais.

De aí, subliñou, a importancia da claridade e a transparencia como máximas da gobernanza na Unión Europea. Neste sentido, Rosa Quintana expuxo que Galicia seguirá traballando de cara as negociacións futuras aportando datos e argumentos en defensa dos intereses da frota pesqueira. Neste labor, sinalou, a comunidade galega seguirá apostando polo contacto directo con todo o sector pesqueiro. Unha mostra, explicou a titular de Mar, é o grupo de traballo sobre o brexit que se consituíu no seo do Consello Galego de Pesca.

Pasos de Galicia

Galicia foi a primeira rexión europea en trazar unha folla de ruta co obxectivo de defender os intereses da pesca galega ante o brexit. Desde 2016 aportou diferentes informes de impacto do brexit tanto ao Goberno estatal como a Comisión Europea e aos membros do Parlamento Europeo. Entre eles, os tres documentos encargados pola Xunta ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga e un á Universidade de Santiago de Compostela sobre o impacto económico para a pesca galega.

Ademais Galicia traballou con outras rexións na defensa de intereses comúns no marco das comisións de Rexións Periféricas Marítimas e do Arco Atlántico e na Conferencia de Cardiff de 2018. Tamén mantivo contacto co xefe negociador da UE, Michel Barnier,e auspiciou a sinatura de dúas declaracións internacionais en colaboración coa Alianza Europea da Pesca. A isto súmase o grupo de traballo sobre o brexit creado no seo do Consello Galego de Pesca, o órgano de asesoramento que reúne a todos os axentes interesados da pesca en Galicia.

16 de xuño de 2021 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.