publicidade hoxe

Aprobado un novo reforzo dos programas de investigación das universidades galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLugoOurensePontevedraPortada dereita
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha dun novo reforzo dos programas de investigación avanzada das universidades galegas, coa aprobación dunha inxección de 9,3 millóns de euros dirixida ás universidades da Coruña e de Vigo. Dous convenios aos que se sumará, posteriormente, o da Universidade de Santiago, precisou.

Máis polo miúdo, Feijóo destacou unha achega de 4,8 millóns á Universidade de Vigo para impulsar as estruturas de xestión nos tres campus de especialización da UVigo -Campus Auga, Campus Crea e Vigo Tecnolóxico-, así como o Clúster de investigación e transferencia agroalimentaria do Campus Auga, entre outras accións.

Por outra banda, o convenio coa Universidade da Coruña incorpora outros 4,4 millóns para reforzar o único campus de especialización acreditado a nivel nacional, o Campus Industrial de Ferrol; fortalecer o Centro de investigación en tecnoloxías de información e comunicacións; ou investir en infraestruturas como o canal de ensaios hidrodinámicos, a creación dun living lab para proxectos a escala piloto con empresas ou un laboratorio de experimentación de enerxías limpas ligadas ao mar.

O titular do Goberno galego concluíu recordando que estes convenios forman parte da achega de 40 millóns de euros a distintas medidas de apoio aos investigadores, entre as que destacan: os contratos predoutorais e posdoutorais; e o novo Programa de Atracción e Retención do Talento.

24 de xuño de 2021 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.