publicidade hoxe

A Xunta lanza unha nova campaña sobre o coidado da saúde emocional no traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Unhas contornas de traballo máis seguras, con especial atención á saúde emocional e os coidados, son o núcleo da nova campaña do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) presentada pola directora do Issga, Adela Quinzá, hoxe en Santiago de Compostela. Esta iniciativa atópase dentro da macrocampaña Tod@s actitude sen risco, lanzada no 2019 e cuxo foco de traballo son os centros especiais de emprego asociados á Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal).

A emerxencia da covid-19 non só cambiou a forma de facer as tarefas e de organizarnos ou relacionarnos no traballo, senón que tamén incidiu na saúde mental e no benestar emocional das persoas traballadoras nas súas contornas laborais. É por iso que, recolle esta campaña, recoñecer as situacións no traballo que poden ter consecuencias negativas para a saúde e que a empresa debe previr cun plan de actividades orientado a evitar estes riscos laborais.

Nos documentos da campaña, orientada a persoal traballador e xerentes dos centros especiais de emprego e persoas técnicas de prevención de riscos sociais indícanse, por exemplo, factores derivados da situación de pandemia no eido da empresa como poden ser a incerteza, a carga laboral ou o tempo dedicado a esta, con medidas preventivas coas que se queren paliar estas consecuencias como unha información fluída sobre os procedementos de realización de tarefas e a súa planificación ou o fomento do traballo non presencial cando sexa posible, respectando sempre o tempo de descanso. É aconsellable tamén, recolle esta iniciativa do Issga, crear espazos comúns de relación social nas empresas, facilitando momentos e lugares para ese propósito e contribuíndo deste xeito a fomentar espazos de benestar emocional na contorna laboral.

O Executivo galego persevera así no seu afán por acadar espazos máis seguros e con máis benestar para as traballadoras e traballadores, cun especial énfase na súa aposta polo emprego inclusivo en Galicia, proporcionando ferramentas para promover a integración laboral e a calidade no traballo das persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

30 de xuño de 2021 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.