publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta anuncia 70 obras de mellora da seguridade viaria nos Camiños de Santiago e pídelle ao Goberno que actúe nos treitos que coincidan con estradas nacionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez no anuncio das actuacións

Ethel Vázquez no anuncio das actuacións

A Xunta acometerá 70 obras de mellora da seguridade viaria nos Camiños de Santiago e pídelle ao Goberno de España que actúe nos treitos que coinciden con estradas nacionais.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou hoxe na Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade da Circulación Viaria.

Nese foro, Vázquez Mourelle avanzou que o Goberno galego executará este ano un conxunto de obras para mellorar a seguridade viaria nos cruces ou treitos paralelos dos Camiños de Santiago coa rede autonómica de estradas, o que suporá un investimento de 1,4 millóns de euros.

Neste sentido, convidou ao resto de Administracións, especialmente á Administración Xeral do Estado, a actuar tamén na seguridade viaria das rutas xacobeas nas estradas da súa titularidade.
Salientou a importancia de reforzar a seguridade dos Camiños de Santiago neste ano Xacobeo 2021, que se prolongará 2022, coa fin de activar a recuperación do turismo e da economía galegas.
No marco dese obxectivo, lembrou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén realizando unha serie de actuacións nos últimos anos para mellorar diferentes treitos dos Camiños de Santiago, tanto nas súas chegadas á capital, Compostela, como en diferentes vilas da comunidade.

Ethel Vázquez trasladoulle ao Goberno central a dispoñibilidade da Xunta para seguir traballando de forma conxunta a prol da seguridade viaria en todos os ámbitos nos que sexa posible.
Precisou que a recuperación da normalidade está a vir acompañada dun repunte de accidentes, polo que cómpre poñer o foco na concienciación sobre as distraccións e condutas imprudentes.
Sinalou que a Xunta agarda que nos vindeiros meses se poidan retomar iniciativas como os cursos de condución que permitiron formar a uns 800 motoristas ou as campañas de seguridade viaria para escolares, con unidades didácticas e talleres nos centros de ensino.

Plan de seguridade Viaria 2021- 2025

Salientou que o Goberno galego está a piques de comezar a elaboración do Plan de Seguridade Viaria de Galicia para o período 2021-2025, no marco do que cómpre consolidar a tendencia positiva do anterior ciclo e fixar como desafío reducir a 0 a cifra de mortos nas estradas.

Avanzou que a Xunta, a través deste plan, seguirá destinando nos vindeiros anos traballo e recursos económicos a mellorar as condicións de seguridade e de conservación das estradas autonómicas.
Adiantou que proseguirá o Plan de reforzos de firme, ao que a Xunta achegou só neste ano case 22 M€, con todos os contratos licitados para seren executados de forma inmediata.
Tamén continuará o Plan de Sendas para facilitar unha mobilidade máis segura aos usuarios máis vulnerables das estradas, os peóns e os ciclistas. O Executivo autonómico leva máis de 170 quilómetros de sendas construídas desde 2016 e traballa para desenvolver novos itinerarios en 4 comarcas galegas.

Nesta liña de reforzar a seguridade viaria, a Xunta tamén avanzará na eliminación de tramos de concentración de accidentes co obxectivo de que neste ano estean finalizadas practicamente todas as obras proxectadas nas estradas autonómicas, cun investimento de 15M€.

Ademais a Consellería de Infraestruturas segue dispoñendo medidas específicas para evitar os accidentes causados pola irrupción do xabaril nas vías. Así, a autovía Nadela- Sarria contará con valla reforzada en ambos os lados para reducir estes sinistros. No caso da autovía Ferrol- Vilalba (AG-64), a Xunta tamén aposta por actuacións para mitigar os riscos da presenza destes animais.

A este respecto, a Xunta solicitou que se aproveite a oportunidade das novas tecnoloxías para identificar os puntos conflitivos en canto á presenza de fauna salvaxe.

16 de xuño de 2021 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.