publicidade hoxe

A Xunta abre unha nova liña de axudas de 1M€ para impulsar unha vintena de concertos no Xacobeo 21-22

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases dunha nova liña de subvencións, dotada cun millón de euros, para impulsar a organización dunha vintena de espectáculos musicais no marco da celebración do Xacobeo 21-22. A convocatoria diríxese especificamente a profesionais autónomos e empresas promotoras que rexistren perdas de ingresos derivados da crise provocada pola covid-19.

Con esta medida, refórzase o apoio económico do Goberno galego á reactivación da actividade empresarial e artística no sector musical, ao tempo que se fomenta a recuperación das programacións culturais en toda Galicia. En concreto, prevese a celebración, de xeito xeograficamente descentralizado, duns 20 concertos con entrada de pago, que terán lugar ata o 10 de decembro de 2021 en municipios de máis de 15.000 habitantes ou de interese turístico. Exceptúase desta categoría a cidade de Santiago de Compostela entre o 1 de xullo e o 15 de agosto para evitar coincidir coa habitual e intensa actividade da capital de Galicia neste período.

As subvencións, que poderán solicitarse ata o 23 de xullo, están destinadas concretamente a profesionais ou empresas de Galicia promotoras de espectáculos musicais que teñan rexistrada unha caída de facturación superior ao 30% entre 2019 e 2020. A contía concedida poderá cubrir ata o 80% do orzamento subvencionable, cun límite máximo de 60.000 euros por proxecto, para asumir gastos de contratación artística, produción, xestión, dereitos de propiedade intelectual, promoción e difusión.

Esta nova liña de apoio enmárcase no Plan de reactivación cultural da Xunta e forma parte da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia co gallo do Xacobeo 21-22. Ao abeiro deste acordo, estase a impulsar unha programación variada, distribuída por todo o territorio e destinada a todo tipo de público, que sumará unha vintena de proxectos de música, danza, artes escénicas, audiovisuais, exposicións, festivais de música clásica ou verbenas, entre outros.

23 de xuño de 2021 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.