publicidade hoxe

Turismo e Cultura estreitan a súa colaboración para reactivar a programación do Xacobeo 21-22 baixo protocolos de seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asinaron hoxe un convenio para a promoción de eventos culturais neste Xacobeo 21-22, unha colaboración entre ambos departamentos que suporá reactivar a programación cultural deste Ano Santo baixo protocolos de seguridade.

Ao abeiro deste acordo, Turismo de Galicia achegará á área de Cultura 5,3M€ para contribuír á posta en marcha de parte das actividades culturais que se desenvolverán este Ano Santo. Será una programación variada, distribuída por todo o territorio destinada a todo tipo de público que sumará unha vintena de proxectos de música, danza, artes escénicas, audiovisual ou exposicións, incluíndo concertos, festivais de música clásica ou verbenas, entre outros.

Nesta programación terán presenza proxectos xa coñecidos como Cultura no Camiño, Xacobeo Cidades ou Fest Galicia e impulsaranse novos programas e eventos dirixidos a fomentar os valores do Ano Santo, que se irán detallando nas vindeiras semanas. Toda a actividade desenvolverase baixo protocolos de seguridade que se están a ultimar coas autoridades sanitarias e o sector e que se presentarán nos vindeiros días.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que “para o Goberno galego manter e impulsar o sector cultural, ademais de representar un factor da nosa identidade, representa tamén unha oportunidade de desenvolvemento económico que debemos seguir fortalecendo con ideas proactivas e garantindo sempre a máxima seguridade”.

Ademais que “temos un novo contexto, que obriga a reforzar o papel do Ano Santo como dinamizador, tanto da actividade económica como do consumo cultural, xa que o Xacobeo debe servir como elemento vertebrador e transversal para impulsar o crecemento das industrias culturais e posicionar a imaxe da marca de Galicia como sinónimo de calidade”, indicou Alfonso Rueda.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, afirmou que esta colaboración suporá un novo impulso para a oferta cultural deste Ano Santo que levará o espírito desta celebración a todo o territorio galego, desde as cidades e as vilas medias ás zonas do rural, e, sobre todo, favorecerá a reactivación e a posta en valor do noso sector cultural. “Reforzaremos o papel do Ano Santo como dinamizador, tanto da actividade como do consumo cultural, impulsando o crecemento das industrias culturais e posicionando a imaxe de Galicia como referente neste eido, amosando a diversidade e calidade dos nosos creadores”, engadiu.

14 de maio de 2021 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.