publicidade hoxe

O adianto dos exames de recuperación en 2º de bacharelato supuxo un incremento do 6% na porcentaxe de aprobados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, recibiu aos representantes da Confederación Anpas Galegas, Confapa e Congapa para compartir diversos aspectos na planificación do vindeiro curso 2021-2022 como as melloras calendario escolar ou as axudas a estas entidades para a xestión dos comedores. Con esta xuntanza dáse continuidade á liña de diálogo establecida pola Xunta de Galicia coas asociacións de nais e pais, tras a reunión de traballo mantida hai uns días polo secretario xeral de Educación e de FP.

Entre outros asuntos, o conselleiro compartiu a súa confianza na repercusión positiva do adianto ao mes de xuño das datas dos exames de recuperación do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), 1º de Bacharelato e 1º de FP Básica, seguindo o modelo que se desenvolve xa en 2º de Bacharelato desde o curso 2018/2019. Ao respecto, sinalou que se trata dunha medida máis no marco das accións impulsadas desde o Goberno galego para reducir a taxa de abandono educativo temperá, grazas ás que esta taxa se ten reducido en máis do 50% na última década.

Así mesmo, búscase mellorar o índice de aprobados e o resultado académico. A este respecto, o conselleiro trasladoulles os datos que evidencian que o cambio de datas nos exames de recuperación de 2º de Bacharelato permitiron elevar en 6 puntos, ata o 40%, a porcentaxe de alumnado aprobado cando a convocatoria extraordinaria se celebra en xuño. En cambio, na actualidade, só un 25% dos estudantes de ESO e 1º de Bacharelato que se presenta ás probas en setembro as superan, porcentaxe que se agarda mellorar co adianto das probas, ao igual que ocorreu en 2º de Bacharelato.

Avaliación de resultados tras un curso de transición

Román Rodríguez pediu ás asociacións de nais e pais confianza nesta medida e comprometeuse a avaliar os seus resultados unha vez implantada, tendo en conta que o curso 2021-2022 será un curso ponte entre ambos modelos. Con esta finalidade, informouse da intención da Xunta de levar a cabo accións de reforzo educativo nos centros no período entre a avaliación ordinaria e a extraordinaria para potenciar a aprendizaxe no alumnado e a posibilidade de realizar axustes nas datas do borrador do calendario dentro do modelo proposto.

Por outra banda, o conselleiro explicou que o cambio no calendario escolar permitirá anticipar a preparación do curso, tanto aos centros e ás familias como á Administración, posibilitando incluso que as clases se inicien antes no curso 2022/2023 en todas as etapas -una vez superado o próximo ano como curso de transición-, o que facilitaría a conciliación familias.

Duplicar as axudas de comedores escolares

Sobre as axudas de comedores, o vindeiro curso vaise duplicar a contía das subvencións ás asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado de centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación que xestionan este servizo complementario, o que suporá unha inxección de orzamento público de 1.127.000€, incluíndo unha nova liña para facer fronte aos gastos derivados da adaptación ao contexto covid.

No que atinxe á liña de axudas que a Xunta vén mantendo desde o curso 2006/2007 a estes colectivos para o cofinanciamento do servizo de comedor escolar, a Consellería de Educación redobrará a contía pasando dos 552.000€ no curso actual aos 927.000€ no vindeiro, o que supón un incremento de case o 68%.

Ademais do incremento substancial dos fondos, impleméntanse unha serie de melloras nesta subvención como facela máis áxil simplificando a súa tramitación e introducindo melloras en canto aos cálculos, para acabar coas incertezas nas contías. Ademais, pasa a ser unha convocatoria de concorrencia non competitiva, isto é, que se atenderán o 100% das solicitudes que cumpran cos requisitos establecidos.

Grazas a esta liña de axudas, o Goberno autonómico cofinancia este curso máis de 150 comedores xestionados por anpas que atenden unha media de 11.800 usuarios.

Liña extraordinaria seguridade para covid

Doutra banda, disporase dunha segunda nova liña extraordinaria dotada de 200.000€, para que estes colectivos poidan facer fronte aos gastos relacionados coa situación de pandemia co fin de incrementar a protección das persoas usuarias do servizo de comedor. Con cargo a esta subvención, financiarase a adquisición de máscaras, mamparas, material de desinfección, ou xel hidroalcohólico, entre outros.

5 de maio de 2021 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.