publicidade hoxe

Máis de 850 persoas participarán esta fin de semana nas probas físicas para optar ás 104 prazas de auxiliares de Policía Local en 27 concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución definitiva dos 852 aspirantes admitidos ao proceso selectivo para optar a 104 prazas de auxiliares de Policía Local convocadas por 27 concellos a través das oposicións centralizadas pola Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). A resolución tamén recolle os aspirantes que están exentos de realizar a proba de coñecementos de lingua galega.

O proceso comezará esta mesma fin de semana coas probas físicas –comprobación de estatura, potencia de tren inferior con salto vertical e resistencia- que se levarán a cabo tanto o sábado como o domingo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. As 852 persoas convocadas deberán cumprir un protocolo específico de prevención ante a covid-19 para garantir a seguridade dos aspirantes e de todo o persoal. Así, requirirase para o acceso ao recinto presentar unha PCR ou proba de antíxenos con resultado negativo nos 3 días antes das probas e un informe médico no que se acredite estar en condicións de realizalas.

O segundo exercicio para os aspirantes que resulten aptos nas probas físicas celebrarase o próximo 21 de maio no Recinto Feiral de Silleda. Trátase da proba de coñecementos con 50 preguntas tipo test do temario proposto na convocatoria, ademais da proba de avaliación do coñecemento da lingua galega para as persoas non exentas.

Unha vez rematado o proceso, a comezos de xuño prevese o inicio nas instalacións da AGASP do curso de formación teórico-práctico obrigatorio que deberán superar os aspirantes que aprobaron as probas anteriores antes de poder elixir destino e ser contratados polos concellos.

A través desta vía cubriranse un total de 104 prazas comunicadas por 27 entidades locais: A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambados, Cangas, O Carballiño, Cedeira, Fene, Gondomar, Malpica de Bergantiños, Meaño, Miño, Mugardos, Noia, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ortigueira, Poio, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corposd e policía local, a través dun protocolo de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Deste xeito, xunto con estas 104 prazas de auxiliares de Policía Local, a Xunta centraliza tamén o proceso selectivo para o acceso a 94 prazas do corpo de Policía Local de 35 municipios que conformarán a 13ª promoción de Policía Local que se formará na AGASP.

12 de maio de 2021 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.