publicidade hoxe

Galicia acelera a redución de emisións grazas á súa Estratexia de cambio climático

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia está a acelerar a redución de emisións por riba da media nacional e en liña cos obxectivos que marca a Unión Europea, grazas á súa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050, que executou xa máis de 317 millóns de euros durante o primeiro ano de vixencia.

Logo de avaliar no Consello da Xunta as medidas desenvolvidas desde a súa implantación, Feijóo lembrou que ata 2023 o plan recolle 171 medidas cun orzamento de 1.280 millóns, do cal unha cuarta parte xa está executado. Non en van, 114 medidas están en marcha, 53 están en estudo e 4 xa finalizaron a súa implantación.

Ao longo da rolda de prensa, Feijóo precisou que as actuacións están estruturadas en catro grandes bloques. Así, no primeiro, chamado mitigación, concentrouse a maior execución, con preto de 268 millóns de euros, incluíndo iniciativas como: a posta en marcha de alternativas para unha mobilidade máis sustentable, co cambio a transportes máis eficientes e impulsando o transporte colectivo -132,6 millóns de euros-; a mellora da capacidade de absorción do sector forestal e fomento dos produtos madeireiros como depósitos de carbono, a través, por exemplo, do uso da madeira fronte a outros materiais -43,3 millóns-; ou a implantación da cultura da eficiencia enerxética, con axudas á vivenda, ás persoas en situación de pobreza enerxética e á instalación de renovables -22 millóns-.

Así mesmo, e coa intención de converter o sector primario en hipocarbónico, resaltou un investimento de 22 millóns de euros na xestión do gando; ademais dunha achega de 7,5 millóns para o fomento da compostaxe, a redución do desperdicio alimentario e a dotación de contedores.

Sobre o segundo eixo: adaptación, o titular da Xunta destacou un orzamento de preto de 16,5 millóns para: a consolidación dunha estrutura de redes de observación como instrumento de mellora da monitorización, a través de traballos para o desenvolvemento da investigación, seguimento e medidas de adaptación ao cambio climático; e acadar un sector agrícola adaptado ao cambio climático, a través da loita contra o abandono e a recuperación de terras, así como co asesoramento ás explotacións.

Por outra banda, e co fin de reducir a vulnerabilidade da poboación ante os riscos xerados polo cambio no clima, lembrou a posta en marcha de medidas destinadas á mellora da dotación de equipamentos, instalacións e infraestruturas de Protección Civil, entre outras.

No terceiro eixo, a investigación, Feijóo explicou que neste eido se destinaron máis de 6,5 millóns para fomentar o intercambio de coñecemento entre os diferentes axentes implicados, así como para promover a investigación e innovación.

Por último, a restante execución, máis de 26 millóns de euros, enmárcase dentro do bloque de dimensión social, gobernanza e sensibilización. E, entre as medidas deste cuarto eixe, subliñou a aposta por unha administración pública exemplar en materia de cambio climático, con actuacións de eficiencia enerxética en centros sanitarios, administrativos, sociais, educativos, universitarios e culturais. Ademais da creación da Oficina técnica do Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía, a través da cal 271 concellos —que representan o 80% da poboación— xa se comprometeron a reducir as súas emisións.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego afirmou que ademais deste balance, avaliáronse tamén os avances na loita fronte ao cambio climático de Galicia, España e a Unión Europea.

De feito, neste momento, a UE está a revisar os seus obxectivos, que a partir de agora se marcan reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 55% en 2030, sempre con respecto a 1990.

Nesta liña, Feijóo concluíu aseverando que os datos mostran que Galicia está a converxer coa senda da UE. De feito, a Comunidade galega está neste momento 32 puntos mellor que a media nacional: mentres Galicia reduciu as súas emisións nun 23,8% con respecto a 1990, o conxunto do Estado incrementounas nun 8,5%.

Así, segundo salientou, a nosa Comunidade conta cunha Estratexia máis ambiciosa que a Lei estatal de cambio climático que o Congreso dos Deputados ten previsto aprobar mañá, unha norma que marca un obxectivo de redución de emisións dun 23% para 2030, meta que Galicia xa superou co devandito -23,8%.

12 de maio de 2021 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.