publicidade hoxe

Feijóo eloxia o compromiso da arquitectura de Galicia coa recuperación urbana, paisaxística e coa sustentabilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención do presidente galego no acto de entrega de premios

Intervención do presidente galego no acto de entrega de premios

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, eloxiou hoxe o compromiso da arquitectura de Galicia coa recuperación urbana, paisaxística e coa sustentabilidade para deseñar as vilas e cidades do mañá.

Durante o acto de entrega dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020, Feijóo destacou a implicación dos profesionais de sector na recuperación do noso patrimonio urbanístico, no embelecemento das poboacións e da posta en valor da nosa cultura paisaxística; así como a aposta pola sustentabilidade ambiental e a eficiencia, sen sacrificar a funcionalidade nin a estética.

Nesta mesma liña, incidiu na importancia da arquitectura como elemento dinamizador da economía, do turismo e da demografía, “un sector que ten moito que dicir na reconstrución económica que afrontamos”.

Sobre este punto, o titular da Xunta recordou que o Executivo autonómico leva anos desenvolvendo iniciativas en todas as frontes -vivenda, urbanismo e paisaxe-, activando medidas de país. “Plasmamos toda a nosa política para os vindeiros 5 anos no Pacto Social pola vivenda, asinado en xaneiro, e que mobilizará máis de 1.080 millóns para beneficiar a 70.000 familias, ademais de contribuír a xerar ou manter 30.000 empregos”, dixo, resaltando que no urbanismo e a paisaxe a Xunta sigue a dar continuidade a unha planificación iniciada nos últimos doce anos.

Así mesmo, resaltou a convocatoria este ano de axudas a particulares, comunidades e concellos e a posta en marcha de actuacións directas de rehabilitación por case 45 millóns de euros, entre eles: 4,5 millóns serán do Fondo de Cooperación que se concederán en forma de préstamos sen xuros a concellos de menos de 50.000 habitantes; 10 millóns formarán parte do Programa Rexurbe para rehabilitar zonas degradadas; e 7,6 millóns estarán destinados ás áreas de rehabilitación integral.

A estes recursos tamén hai que sumar: unha liña de axudas específicas para promotores; axudas urbanísticas que recibirán 39 concellos de menos de 20.000 habitantes para infraestruturas municipais; e 1 millón para loitar contra o feísmo, a través de pequenas intervencións para emendar máis de 300 impactos paisaxísticos.

Segundo o presidente do Executivo autonómico, todos estes obxectivos atopan o mellor reflexo nos proxectos galardoados: “Recoñecemos a visión innovadora de arquitectos como Juan Ignacio Prieto, Faustino Patiño e Estefanía Grandal, artífices da nova escola infantil de Veigadaña, en Mos; así como a aposta pola eficiencia do proxecto de reforma do antigo hotel Galicia, no centro de Vigo, de Leonardo Llamas”, expuxo, referíndose tamén ás iniciativas de recuperación levadas a cabo por Juan José Otero, Cecilia López, Juan Antonio Caridad e Isidro López.

Sobre Alfonso Penela aseverou que hai un Vigo contemporáneo que non se explica sen el, citando a recuperación do antigo Xeral, xa reconvertido en Cidade da Xustiza; e a rehabilitación premiada da vivenda da Praza dos Pescadores, “nese Vigo histórico que volve latexar”.

E de Manuel Gallego Jorreto, referente da arquitectura de Galicia, afirmou que soubo irmandar nas súas obras a innovación e respecto pola tradición e paisaxe, entendendo sempre que a obra do arquitecto debía ser amiga da integración, non da ruptura co establecido. “Comprometido coa funcionalidade e a beleza; comprometido coa terra, cos valores e co nosa cultura ata o extremo de poder dicir hoxe que as súas obras son xa patrimonio arquitectónico de Galicia”, abundou.

5 de maio de 2021 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.