publicidade hoxe

As Policías Locais de Galicia recoñecen o labor de Santiago Villanueva na loita contra a pandemia e a colaboración cos corpos policiais municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, foi recoñecido hoxe pola directiva da Asociación de Xefes de Corpo e Mandos de Policía Local de Galicia (Axempol) pola súa loita contra a pandemia e a súa colaboración cos corpos policiais municipais.

A directiva de Axempol, que fixo entrega a Villanueva da medalla Covid-19, quixo con este recoñecemento poñer en valor a súa coordinación entre todos os corpos de seguridade que velaron polo cumprimento das medidas decretadas por mor da pandemia e o seu labor ao fronte da Sala de Control de Operativos (Sacop), órgano específico creado para a coordinación dos corpos de seguridade, emerxencias e Protección Civil na loita contra o coronavirus.

Como indica a directiva da asociación que representa aos mandos das policías locais galegas, a traxectoria profesional de Santiago Villanueva leva tempo vinculada ás policías locais, tanto nas diferentes responsabilidades que asumiu ao longo da súa carreira profesional como nas súas funcións de máximo responsable da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), creada no ano 1992 para formar os membros das policías locais de Galicia e dos efectivos de emerxencias que operan na comunidade autónoma.

A partir do ano 2017, ademais, a AGASP asumiu os procesos de selección dos corpos das policías locais galegas, facéndose cargo a Xunta de todos os custes e liberando os concellos da súa xestión. Malia as dificultades ocasionadas pola pandemia, a Academia dotouse de todas as medidas de seguridade fronte á covid para formar á 12ª promoción da Policía Local, a máis numerosa da súa historia, con 134 alumnos.

A AGASP consolidouse como un referente en toda España e foi ampliando de ano en ano a súa oferta formativa, tendo na actualidade unha media de 800 alumnos anuais.

A directiva de Axempol agradece así a Villanueva a especial cooperación e consideración que tivo coas policías locais galegas ao longo da súa carreira e, especialmente, no último ano en todos os dispositivos e órganos de coordinación constituídos por mor da pandemia.

10 de maio de 2021 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.