publicidade hoxe

ADOS e UVigo asinan un convenio de colaboración para o fomento da doazón de sangue

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+

O Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo acolleu, hoxe pola mañá, o acto de sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) e a Universidade de Vigo, co obxectivo de promover a doazón de sangue altruísta entre os membros desta comunidade académica.

Os convenios foron asinados polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger. Ao acto tamén asistiu a directora de ADOS, Marisa López García

Durante o acto, o titular de Sanidade convidou á toda mocidade galega a participar nas diferentes campañas de doazón que están en marcha. Na mesma liña, a directora de ADOS , subliñou que ”hai que pór as doazóns na axenda e apostar porque a xente moza tamén se incorpore, pois precisamos o seu apoio”.

Traxectoria de colaboración

ADOS e a Universidade de Vigo teñen unha longa traxectoria de colaboración no eido da doazón, que ámbalas dúas institucións queren impulsar e por en valor. Por este motivo, promoveuse a sinatura deste acordo que reafirma a vontade de colaboración e fomento das xa fluídas relacións entre ambas institucións, co fin de potenciar liñas de interese común, impulso, sensibilización e promoción da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos no ámbito da Universidade de Vigo.

Ambas institucións promoverán campañas colectivas de doazón de sangue nos centros docentes que integran a Universidade de Vigo con periodicidade anual, artelladas en dúas fases; unha primeira entre os meses de setembro a novembro, e a segunda; de febreiro a abril. Compre remarcar que na campaña universitaria de doazón en Galicia obtivéronse, no pasado curso, 4.601 doazóns e que, unha parte moi importante dos novos doadores proveñen desta solidaria iniciativa que contribúe a renovar a base de doantes de Galicia.

Ampliar e rexuvenecer

ADOS considera de vital importancia ampliar e rexuvenecer a base de persoas doadoras de sangue en Galicia para poder facer fronte aos requerimentos transfusionais precisos para o desenvolvemento dos programas asistenciais na nosa comunidade, cun complexo balance sociodemográfico. Deste xeito, ADOS e a Universidade de Vigo establecerán, conxuntamente, estratexias e campañas para fomentar a doazón altruísta tanto de sangue como de órganos e medula ósea desde a comunidade universitaria.

Pola súa banda, a Universidade de Vigo colaborará na difusión dos materiais educativos de ADOS, facilitando o uso das súas plataformas de comunicación, así como os recursos e programas.

Desde ADOS, quérese por en valor a importancia da colaboración entre as Universidades galegas, neste caso á de Vigo, nun período especialmente sensible como o que estamos a vivir pola pandemia sanitaria derivada da COVID-19. As Universidades galegas ratifican o seu permanente compromiso co solidario xesto da doazón de sangue e estremando todas as medidas de seguridade, facilitan, no presente curso, o acceso dos membros da comunidade académica tanto á información relacionada coa doazón de sangue como á participación nas propias campañas desenvolvidas polas unidades móbiles da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

13 de maio de 2021 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.