publicidade hoxe

A Xunta recolle as propostas de Aclad para a futura Lei sobre prevención das adiccións de menores en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse esta maña cos representantes da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (Aclad) para recoller as súas propostas e suxestións para a redacción do Proxecto de Lei sobre Prevención das adiccións en menores en Galicia. O período de consulta pública remata este venres 7 de maio.

Trenor destacou que entre os principais obxectivos da futura Lei está o de actualizar os criterios e os principios que dan soporte ás medidas de prevención das condutas adictivas que desenvolven tanto as administracións públicas como o resto de entidades, organizacións e institucións que realizan o seu labor neste ámbito. Tamén busca introducir limitacións á venda e subministración, ao consumo e á publicidade, promoción e patrocinio das principais substancias psicoactivas, como medidas que darán soporte aos cambios que se lle piden á sociedade, e que implican superar actitudes de permisividade e normalización do seu consumo. Así mesmo recollerá medidas específicas respecto a outras substancias psicoactivas.

Ademais, o representante do Goberno autonómico informou que este novo documento vai a instaurar, por primeira vez na lexislación galega, medidas de prevención doutras adiccións sen substancia e da problemática ocasionada polo uso das tecnoloxías dixitais e, en particular, coas relacionadas co uso das redes sociais e os videoxogos.

Con esta nova normativa, búscase solucionar problemas como o elevado consumo de substancias, legais e ilegais, por parte da mocidade e a idade temperá na que os mozos se inician no consumo. Tamén pretende solventar a dispersión das normas relativas a venda, subministro, consumo, publicidade, promoción e patrocinio das principais substancias psicoactivas, coa conseguinte dificultade para o seu coñecemento por parte da cidadanía e das institucións. Así memo abordará medidas fronte ao incipiente desenvolvemento de problemática relativa a videoxogos, uso problemático de internet e das redes sociais.

Datos da enquisa Estudes

En 2019 fíxéronse públicos os resultados da última enquisa Estudes, que analiza cada dous anos as tendencias de consumo dos rapaces que cursan ensinos secundarios en España (14 a 18 anos). Segundo esta enquisa, as tres substancias psicoactivas máis consumidas pola mocidade galega son o alcohol, o tabaco e o cannabis: o 72,5%, 35,9% e 25,7%, respectivamente refiren que as consumiron algunha vez na vida. Tamén preocupa o consumo de hipnosedantes entre a mocidade cun 16,1% algunha vez na vida e un 6,3% nos últimos 30 días.

Convenio con Aclad

Gonzalo Trenor lembrou que recentemente a Xunta asinou con esta entidade un convenio que ascende a preto de 1,7 millóns de euros, incluído dentro dos acordos de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e diferentes asociacións sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos aditivos, por un importe de 10,3 millóns de euros para toda Galicia. Durante o pasado ano 2020, foron atendidas, ao abeiro destes convenios, preto de 13.000 persoas.

Desde o ano 2016, a Consellería de Sanidade destinou máis de 9,2 millóns de euros para axudar aos pacientes desta entidade coruñesa.

No desenvolvemento destes programas, as asociacións atenden toda a demanda xerada, respectando os principios de universalidade, anonimato, voluntariedade e gratuidade na súa respectiva área de influencia. En definitiva, realizan uha atención integral aos pacientes con trastornos adictivos e ás súas familias atendendo a criterios, guías e procedementos establecidos polo Servizo Galego de Saúde. Estas colaboracións destacan a particular importancia e interese público do establecemento de actuacións conxuntas en materia de asistencia aos trastornos adictivos en Galicia, para acadar o tratamento, a incorporación social e a recuperación destes pacientes.

5 de maio de 2021 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.