publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta garante a atención de emerxencia das mulleres vítimas de trata durante a pandemia mediante a firma de nove convenios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
A conselleira de Emprego e Igualdade na sinatura dos convenios

A conselleira de Emprego e Igualdade na sinatura dos convenios

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela na sinatura de nove convenios con cada unha das entidades que conforman a Rede Galega contra a Trata para garantir mediante axudas directas de emerxencia a unhas 200 mulleres vítimas desta lacra e atender as súas necesidades básicas derivadas da covid-19.
Na firma participaron representantes de cada unha das nove entidades que integran a Rede: Asociación Comisión Católica Española de Migracións (ACCEM), Aliad-Ultreia, Cáritas Diocesana de Ourense e Santiago, Ecos do Sur, Asociación Faraxa, Fundación Amaranta, Hermanas Oblatas de Ferrol e Médicos do Mundo.

As axudas que se conceden por medio dos convenios hoxe asinados -enmarcados nas actuacións que Galicia vén desenvolvendo no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero- teñen por obxecto cubrir as necesidades básicas e puntuais das vítimas, agravadas pola pandemia. Concretamente trátase de proporcionar, nos casos de urxente desamparo, un apoio de emerxencia en materia de aloxamento, alimentación, hixiénico-sanitaria, de transporte ou de telecomunicacións.

“Iniciativas e proxectos como os que hoxe nos unen permítennos lembrar a importancia de afrontar esta realidade como o que é: unha forma de escravitude contemporánea intolerable”, declarou a conselleira de Emprego e Igualdade.

A Xunta destina 7.000 euros a cada unha das 9 entidades, co que a contía total se eleva a 63.000 euros, un 40% máis que no ano 2020 no que se celebraron por primeira vez estes convenios como medida de reforzo no contexto da covid-19, para atender ás necesidades de urxencia entre as mulleres vítimas da explotación sexual. Grazas ás mesmas conseguiuse axudar a 194 persoas en 2020 e a idea é que este ano se poida chegar a outras 200.

Con estes apoios directos compleméntanse outros programas que a Xunta ten activos como o que promove o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual -preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral- ao que o Goberno galego destinou nos últimos cinco anos máis de dous millóns de euros.

Colaboración coa Rede

Desde 2009 a Xunta destinou cerca de 10 millóns de euros a proxectos desenvolvidos polas nove entidades que integran a Rede Galega contra a Trata, o que plasma o seu compromiso firme na prevención desta lacra e na atención a mulleres e nenas que son vítimas de explotación sexual.

A Rede traballa para visibilizar e loitar contra a trata sexual a mulleres en Galicia. En concreto, agrupa a entidades e persoas con acreditada experiencia na intervención e investigación desta grave vulneración dos dereitos humanos. O seu traballo fixo á Rede Galega contra a Trata merecedora dunha Medalla Castelao no ano 2015.

Lorenzana enxalzou o traballo da Rede como “exemplo de compromiso social coa visibilización, intervención e defensa das mulleres que sofren estas intolerables vulneracións dos dereitos humanos” e “por unir forzas nesta loita, prestando especial atención ao contexto de pandemia”.

10 de maio de 2021 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.