publicidade hoxe

A Xunta fixa os exames oficiais de acreditación do Celga do 22 de maio ao 12 de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaLugoOurensePontevedraPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, fixa as datas de realización das probas de acreditación do Celga da primeira convocatoria do ano 2021 para os días 22, 23 e 29 de maio (Celga 4), 30 de maio (Celga 2), 5 e 6 de xuño (Celga 3) e 12 de xuño (Celga 1), nas localidades nas que vén sendo habitual, Santiago de Compostela e Ponferrada.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar esta información, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas por niveis, que suman un total de 2766 inscritas e que se pode consultar tamén no Portal da Lingua (que supoñen case 1000 máis que na convocatoria 2020, na que se inscribiron 1780). A Secretaría Xeral de Política Lingüística prevé para finais de ano unha segunda convocatoria de exames que anunciará nos vindeiros meses.

Como xa aconteceu nas probas da convocatoria anterior, realizadas entre setembro e outubro de 2020, os exames levaranse a cabo baixo o protocolo de seguridade sanitaria, co fin de protexer a saúde propia e a das demais persoas. Por niveis e localidades, as persoas inscritas nas probas de acreditación do nivel Celga 1 son 131 (en Santiago de Compostela); 381 no caso do Celga 2 (326 en Santiago e 55 en Ponferrada); 658 no caso do Celga 3 (540 en Santiago e 118 en Ponferrada) e 1596 no caso do Celga 4 (1334 en Santiago e 262 en Ponferrada).

No caso dos niveis que se examinan en días diferentes, distribúense as persoas participantes pola letra inicial do seu apelido, de acordo co indicado nas listaxes definitivas de persoas admitidas. Como centros de realización das probas mantéñense, como veñen sendo habituais, a sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o IES Antonio Fraguas, en Santiago, e mais a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

O sistema Celga

O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación da lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

5 de maio de 2021 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.