publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta e Renfe colaboran para festexar o 17 de maio nos trens e nas estacións de ferrocarrís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia e Renfe Viajeros colaboran un ano máis para festexar o 17 de maio e facer partícipe a cidadanía da festa da lingua galega. A imaxe da autora homenaxeada pola Real Academia Galega, Xela Arias, viaxa xa nos 11 trens de alta velocidade dos servizos Avant e Media Distancia dos corredores A Coruña-Santiago de Compostela-Vigo e A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense e loce nos carteis conmemorativos, elaborados polo IES de Ames (A Coruña), que exhiben durante este mes das Letras Galegas os espazos de información que a operadora ten asignados nas principais estacións de Galicia.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial Gonzalo Trenor, participaron hoxe na estación de tren da Coruña no acto de presentación da nova campaña, no que lle agradeceron a Renfe Viajeros “a estreita colaboración para darlle continuidade a esta campaña, unha das de maior visibilidade social das Letras Galegas, e facer así extensiva esta data tan sinalada ás persoas usuarias dos seus servizos”. O compromiso de Renfe coa celebración das Letras Galegas “supón unha importante contribución á dinamización e visibilización do galego no ámbito do transporte por ferrocarril, así como no marco das iniciativas empresariais de responsabilidade e innovación social que inciden na promoción da lingua e da cultura”, concluíron.

Canda eles participaron en representación de Renfe José Enrique Fonte e Alberto M. Atienza, xerente do Servizo Público de Renfe e xefe da Área Comercial de Renfe en Galicia, respectivamente, e o fotógrafo Xulio Gil, en representación da familia de Xela Arias.

Solta de libros en estacións para celebrar as Letras

Ademais da presenza da imaxe de Xela Arias nos trens, o propio día 17 de maio farase unha solta de libros en cinco das principais estacións entre as persoas usuarias dos servizos. Serán un total de 500 os exemplares cedidos pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para visibilizar a literatura e os autores en lingua galega, fomentar a lectura e apoiar o sector editorial no marco da colaboración con Renfe Viajeros e da programación conmemorativa das Letras Galegas 2021 que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración con numerosas institucións e entidades arredor de Xela Arias.

14 de maio de 2021 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.