publicidade hoxe

A Xunta difunde as oportunidades que representan os materiais innovadores para a industria galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de innovación (Gain), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, organiza o vindeiro 20 de maio o primeiro workshop do ano sobre materiais innovadores con capacidade para contribuír á competitividade empresarial a través do deseño.

Baixo o título Materiais orgánicos non vexetais, presentaranse as aplicacións e oportunidades de futuro ligadas a este tipo de materiais, moi apreciados polas súas cualidades de textura superficial e protección contra a humidade e as variacións térmicas. Durante o encontro, organizado no marco da Materioteca de Galicia, tamén se presentarán solucións sustentables mediante a revalorización de residuos de orixe orgánica, que representan oportunidades para industrias estratéxicas de Galicia como a da automoción.

O workshop, de formato online e aberto a inscrición, é de especial interese para deseñadores/as, persoal técnico e profesionais vinculados co deseño e coa comercialización de novos produtos cun alto compoñente de sustentabilidade.

Durante este encontro explorarase a relación dos materiais orgánicos non vexetais co sector do contract e as súas diferentes aplicacións para a obtención de texturas e acabados superficiais de alta calidade e valor comercial. Os encargados de expoñelas serán os promotores de Workshop Contract –laboratorio de materiais innovadores para o sector contract impulsado por varias empresas deste eido– e do Material Innovation Hub (MIH) –unha iniciativa promovida polas empresas Ydemaker e Tattoo para o intercambio de coñecemento sobre novos materiais–.

Por outra banda, representantes do Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG), do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) e do centro tecnolóxico Anfaco-Cecopesca presentarán diferentes proxectos nos que estes materiais toman protagonismo como recursos de interese para a industria do automóbil, a obtención de biopolímeros a partir da lactosa e a revalorización de residuos da pesca, respectivamente.

Na última parte do workshop, expoñerase unha selección internacional de materiais con base orgánica non vexetal a cargo de Materially, que incidirá nas súas aplicacións e interese industrial. A inscrición pode formalizarse en http://gain.xunta.gal/eventos/372/workshop.

Máis de 70 propostas

O pasado xoves pechou o prazo de presentación de candidaturas á primeira edición do Certame de Materiais Innovadores de Galicia. En total, recibíronse nas instalacións da Materioteca de Galicia, no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), máis de 70 propostas.

Comeza agora o proceso de valoración dos materiais presentados nas catro categorías do certame: artesanais; creados por empresas; procedentes de grupos de investigación de universidades, centros de investigación ou centros tecnolóxicos; e desenvolvidos por un grupo mixto empresa-centro de coñecemento.

Nos próximos meses darase a coñecer o fallo do certame. Os materiais seleccionados serán promocionados mediante iniciativas coma unha publicación especializada e formarán parte dunha serie de exposicións itinerantes por toda España. Ademais, obterán un completo informe elaborado por un equipo experto no que se analizarán todas as oportunidades do material no mercado, incluíndo as súas potenciais aplicacións a nivel multisectorial e a identificación de posibles partners. Aqueles materiais que queden finalistas obterán tamén un informe personalizado para optimizar o seu posicionamento no mercado.

17 de maio de 2021 | 09:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.