publicidade hoxe

A Xunta anuncia un reforzo de 234.000€ nas bibliotecas escolares de 117 centros do rural galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMorañaPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, visitou hoxe o colexio CPI Plurilingüe Santa Lucía, na localidade pontevedresa de Moraña, onde anunciou unha nova liña de axudas da Xunta de Galicia dirixida a apoiar as bibliotecas escolares de centros educativos do rural, da que se beneficia este centro. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un total de 234.000€ a esta nova acción de apoio, que chegará a 117 centros.

O representante autonómico destacou que esta actuación vai dirixida aos centros non integrados aínda no Plan de mellora de bibliotecas escolares, situados en concellos de menos de 5.000 habitantes. O obxectivo é proporcionar un apoio específico ao desenvolvemento do ensino no ámbito rural, potenciando e reforzando o papel da biblioteca escolar como instrumento imprescindible de dinamización e elemento estratéxico para a innovación pedagóxica, que axuda a revitalizar as prácticas educativas e a vida cultural dos centros.

Entre os beneficiarios, o 65% son centros de menos de 50 alumnos e outro 25% de entre 50 e 150. Por tipo de centro, 74 son Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP), 19 son Escolas de Educación Infantil (EEI), 12 son Centros Públicos Integrados (CPI), 11 Institutos de Educación Secundaria (IES) e un é un Colexio Rural Agrupado (CRA).

Fondos e equipamento

Cada un dos centros recibirá unha achega de entre 1.900 e 2.400€, que poderá empregar para mellora das coleccións, especialmente no que se refire aos materiais de non ficción ou de información (libros, monografías, atlas, dicionarios, materiais informativos en diverso soporte e formato, cun investimento do 50% como mínimo en materiais en galego).

Así mesmo, haberá unha partida específica para a renovación do mobiliario e dos equipamentos necesarios para un funcionamento actualizado da biblioteca escolar, que permita facer fronte aos retos educativos e ás actividades de información e de investigación, propias da biblioteca escolar. Os centros beneficiarios recibirán, así mesmo, pautas e orientacións para un correcto investimento das contías asignadas e a reactivación das súas bibliotecas

Apoio de 3M€

Esta actuación enmárcase no reforzo de 3M€ en materia de bibliotecas escolares que ten previsto o departamento educativo do Goberno galego para este ano 2021, con accións como o incremento do orzamento do curso 2021/22 no referido á dotación para adquisición de fondos neste plan, a renovación da colección de materiais inclusivos, a extensión da convocatoria dos Clubs de Lectura aos centros de educación Primaria –ata agora só presente en Secundaria– e a promoción das iniciativas de lectura en galego.

O CPI de Moraña ten un importante traballo desenvolvido na súa biblioteca escolar, cun equipo humano consolidado e con formación. Así mesmo teñen acometido algúns cambios no espazo físico da biblioteca para que se converta realmente nun espazo propicio para a lectura, o traballo coa información e a aprendizaxe.

5 de maio de 2021 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.