publicidade hoxe

A Xunta agradece a implicación dos grupos parlamentarios na mellora da Lei de recuperación da terra agraria e comprométese a acertar na súa aplicación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro do Medio Rural, José González, agradeceu hoxe no Parlamento a implicación de todos os grupos da Cámara para enriquecer a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e sinalou que a única pretensión da Xunta é “acertar” na aplicación desta norma, unha vez aprobada polo Lexislativo.

O conselleiro pechou o debate do ditame, emitido pola Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes, sobre esta Proposición de lei. José González quixo facer “unha intervención de agradecemento” aos tres grupos parlamentarios polas súas achegas para mellorar o texto, que definiu como “froito do consenso” e que, dixo, foi “moi traballado” antes de entrar no Parlamento.

Así, o titular de Medio Rural lembrou que ese consenso comezou logo dos incendios do ano 2017 na Comisión de Estudo que se desenvolveu na Cámara autonómica. Nela, engadiu, “traballáronse moitos aspectos que hoxe están recollidos na lei”. Ao tempo, salientou que para a elaboración da norma tamén se contou coas achegas das organizacións agrarias. Unha cuestión que tamén agradeceu de cara a enriquecer a norma.

En relación coas achegas do grupo socialista, o conselleiro destacou a ampliación de cinco a dez anos do prazo para reclamar, por parte dos particulares, a propiedade de predios de dono descoñecido, así como o enriquecemento da lei no eido da creación dos espazos agrarios de experimentación. Esta ferramenta permitirá -sinalou- que os mozos se incorporen á actividade agraria cunha “rede de seguranza”.

Mecanismos de control

Nesta mesma liña, José González fixo extensivo tamén o seu agradecemento ao grupo do Bloque Nacionalista Galego, por ter demandado con enerxía que houbera mecanismos que obrigaran á Xunta a render contas do funcionamento da lei. O Goberno galego, advertiu, “non lle ten medo” a eses mecanismos, así como tampouco á existencia dun órgano independente de control da lei. Por último, o conselleiro fixo especial fincapé no labor desenvolvido pola voceira do Partido Popular e polo seu traballo de procura de acordos entre todos os grupos.

González rematou a súa intervención reiterando a pretensión da Xunta de “acertar” na aplicación desta norma, tendo en conta a súa importancia para o rural galego. Definiu a lei como un “elemento fundamental” para loitar contra o abandono do territorio, para frear o despoboamento, para afrontar o reto demográfico e para facer de Galicia un territorio “sustentable económica, social e medioambientalmente” e “máis resistente fronte os incendios forestais”.

11 de maio de 2021 | 12:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.