publicidade hoxe

A Xunta admite o 80% das solicitudes de praza para as súas escolas infantís de cara ao curso 2021-2022

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia publicou hoxe a listaxe provisional de admitidos nas escolas infantís públicas de titularidade autonómica para o vindeiro curso 2021-2022, que ascende a 8.149 nenas e nenos, o que supón case o 80% das solicitudes presentadas. Este feito coincide coas visitas do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, ás escolas de Santa Susana (Santiago de Compostela) e A Parda (Pontevedra), respectivamente.

A relación completa de admitidos de maneira provisional pódese consultar nas páxinas web da Consellería de Política Social e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. As familias dispoñen agora dun prazo de oito días (desde mañá, día 11, e ata o vindeiro 18 de maio, ambos os dous incluídos) para reclamar se o consideran oportuno. A listaxe definitiva de admitidos farase pública o vindeiro 31 de maio.

Aquelas familias que finalmente obteñan praza para os seus fillos terán que formalizar a matrícula entre os días 1 e 10 de xuño (ambos os dous incluídos). Deberán presentar o impreso de matrícula cos datos debidamente cubertos xunto coa copia da cartilla de vacinación da nena ou neno, e facelo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou no centro onde obtivera praza.

Inicio do curso e gratuidade

O inicio do curso está previsto para o día 6 de setembro e, ao igual que acontece no actual, aplicarase de novo a gratuidade na atención educativa para os segundos fillos e sucesivos. Esta medida beneficiará, unha vez máis, tanto ás escolas infantís da Xunta como ás de iniciativa social, ás privadas e ás municipais que estean ao día nas liquidacións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Ademais, as familias cuxos primeiros fillos non accedan a unha praza pública poderán beneficiarse do Bono Concilia, unha axuda directa para inscribilos na escola infantil que elixan. O número de bonos demandados neste período de solicitude de praza ascende a 4.147.

10 de maio de 2021 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.