publicidade hoxe

A Unidade Covid-19 do ISSGA atendeu 840 consultas técnicas e elaborou 77 documentos para garantir a seguridade nos centros de traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta, a través da Unidade de referencia covid-19 creada pola Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), atendeu ata o de agora 840 consultas técnicas e elaborou 77 documentos (guías, recomendacións preventivas e protocolos tipo por sectores) para garantir a seguridade nos centros de traballo. O obxectivo da iniciativa é asesorar tecnicamente e dar apoio en materia de prevención de riscos laborais como consecuencia da pandemia. Os beneficiarios da Unidade son, ademais dos interlocutores sociais, o servizos de prevención de riscos laborais, as asociacións profesionais, empresas, o emprego autónomo e as administracións públicas.

Entre as funcións da Unidade atópanse o prestar asistencia técnica, que require un alto nivel de especialización en materia de prevención de riscos e especialmente nas disciplinas preventivas da hixiene industrial e da medicina do traballo; elaborar ou colaborar na redacción de documentación técnica sobre as medidas e medios de protección adecuados para minimizar o risco de transmisión na contorna laboral; deseñar e divulgar ferramentas para facilitar o cumprimento das medidas preventivas fronte á covid-19 nos centros de traballo; e establecer unha liña de resposta para as consultas técnicas relacionadas coas medidas e medios.

Así mesmo, o Issga encárgase de divulgar as medidas preventivas que se deben implantar mediante campañas de sensibilización; asesorar sobre a normativa ditada para facer fronte á crise sanitaria no relativo ao ámbito laboral; e sobre as directrices e recomendacións emitidas polas administracións competentes e institucións. Realiza, ademais, informes de verificación da documentación que acompaña os medios de protección utilizados fronte á covid-19.

A Xunta, a través desta Unidade, confeccionou ao inicio da pandemia unha guía xenérica de seguridade e saúde laboral nas actividades consideradas esenciais como as tendas de alimentación, supermercados, gasolineiras, servizos de axuda no fogar e empregadas do fogar, atención a chamadas telefónicas, tinturarías e farmacias. E, posteriormente, e unha vez que se foron reiniciando as diferentes actividades económicas, a elaboración de documentación técnica estendeuse a outros sectores co obxecto de evitar os contaxios e así garantir tamén a súa continuidade. Deste xeito, realizáronse documentos específicos para, entre outros, a industria extractiva, áridos e lousa; industria da automoción e do naval; industria manufactureira; sector da construción e sector forestal; salóns de peiteado; comercio, mercados de venda non sedentaria e recintos feriais; centros especiais de emprego; oficinas de emprego; marisqueo a pé e desde embarcación, redeiras e extracción de recursos específicos; sector do taxi e transporte compartido; obras de rehabilitación, reformas e reparacións en edificacións; servizos e producións de eventos e espectáculos e gravacións de contidos audiovisuais; xuntas de comunidades de propietarios; cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civís e canto coral; e atraccións de feira.

Así mesmo, esta Unidade avalía a modalidade de teletraballo que se asentou como unha forma de traballo ordinaria e que implica: proporcionar información e formación sobre os riscos de seguridade e de saúde laboral e sobre as medidas preventivas específicas a implantar; establecer “feedback” cos traballadores para reforzar o apoio emocional e o contacto interpersoal e así evitar o illamento; e a necesidade de adaptar a metodoloxía de avaliación de riscos laborais a unha actividade que se desenvolve no domicilio.

13 de maio de 2021 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.