publicidade hoxe

Xunta e a Confederación de Empresarios de Galicia urxen un estudo sobre o impacto da chegada do AVE na actividade dos aeroportos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta e a Confederación de empresarios de Galicia (CEG) coincidiron hoxe en sinalar a urxencia de que o Goberno de España realice un estudo sobre o impacto que terá a posta en servizo do AVE sobre os aeroportos galegos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo co presidente da CEG, Juan Vieites, na que analizaron os principais desafíos que afronta a Comunidade autónoma en relación coas infraestruturas necesarias para a competitividade do territorio.

Na xuntanza, a conselleira informou ao presidente da patronal galega que, nas recentes reunións co ministro de Transportes, a Xunta trasladou a súa demanda de que se prepare o sistema aeroportuario da Comunidade ao novo escenario de mobilidade.

O presidente da CEG trasladoulle á conselleira a preocupación do sector empresarial galego, especialmente da provincia de Pontevedra, pola situación xerada polo peche ao tráfico do túnel de Folgoso da Autovía das Rías Baixas da A-52, que se atopa inhabilitado desde o pasado 25 de xaneiro, dificultando o transporte entre Vigo e Ourense e xerando considerables prexuízos económicos e sociais.

A ese respecto, Vázquez Mourelle trasladou a reivindicación permanente da Xunta para que se axilice a reapertura do túnel e lembrou que o compromiso do ministro Ábalos é que o túnel se poña de novo en servizo neste mes de abril, se ben o Goberno galego carece, a día de hoxe, de confirmación oficial ao respecto.

Modernización da rede ferroviaria

A conselleira e o presidente da Confederación de Empresarios abordaron, tamén, os fondos europeos estruturais e do programa ‘Next Generation’ como oportunidade para impulsar as infraestruturas que reforcen o atractivo económico de Galicia.

A conselleira considerou que esa oportunidade debe de aproveitarse, especialmente, para o reforzo da rede ferroviaria de mercadorías e impulsar as actuacións de modernización das infraestruturas do Corredor Atlántico.

A conselleira e o presidente dos empresarios galegos coincidiron en sinalar a necesidade de modernizar a rede ferroviaria galega e de dotar os portos de Vigo e da Coruña das conexións que faciliten un transporte de mercadorías competitivo en custo e en tempo.

Ethel Vázquez informou de que, recentemente, a Xunta presentou ante as institucións europeas que a ampliación do trazado do Corredor Atlántico inclúa as liñas A Coruña-Ferrol e Vigo-Porto.

28 de abril de 2021 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.