publicidade hoxe

O Sergas fixa como obxectivo acadar o 60% de asistencia presencial nos centros de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, do obxectivo fixado polo Servizo Galego de Saúde, de acadar durante o ano 2021, o 60% de consultas presenciais nos seus centros de Atención Primaria.

O titular de Sanidade subliñou que o departamento que dirixe “segue a traballar para acadar unha elevada porcentaxe de presencialidade”, apuntando ademais que, esta modalidade, tamén “se compatibilizará coa atención non presencial”, naqueles casos en que non sexa imprescindible acudir aos centros sanitarios.

Durante a súa intervención, tamén anunciou que o Consello da Xunta aprobará, na xornada de mañá, a creación da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, un novo departamento que traballará na planificación futura da Sanidade, e dun xeito especial, sobre o ámbito asistencial da Atención Primaria.

O responsable da carteira sanitaria da Xunta puxo en valor o sistema sanitario integrado co que conta a comunidade galega, salientando que, cada vez son máis as comunidades autónomas que avanzan cara un modelo de xestión semellante ao de Galicia. Neste sentido, remarcou a posta en marcha do “Plan galego de Atención Primaria 2019-2021”, unha folla de ruta que responde “á necesidade de modificar as formas de traballo e de organización”, así como avanzar na “mellora e optimización dos recursos”.

Sobre o Plan, García Comesaña remarcou que das 200 accións prioritarias que incorporaba o documento, “xa se remataron o 96% das accións fixadas a curto prazo”, e “o 88% das proxectadas a medio prazo, xa están iniciadas”.

Co obxectivo de fortalecer a Atención Primaria, o conselleiro lembrou que este Plan foi dotado cun investimento de 8,6 millóns de euros para mellorar o equipamento dos centros de saúde e, no que atinxe aos recursos humanos, o departamento sanitario do Executivo galego “acadou a cobertura do 100% das 45 prazas creadas no 2019; o 80% das 102 prazas creadas no 2020, ademais de avanzar na próxima cobertura das 161 novas prazas fixadas para este ano”.

Entre as iniciativas deseñadas para desenvolver a Atención Primaria en Galicia, García Comesaña tamén destacou o documento “Por unha Primaria vertebradora do Sistema de Saúde”, no que se avoga por dotar dunha maior autonomía aos centros, ao tempo que se aposta por innovar e xestionar os recursos humanos a nivel local. Ademais, explicou que o Servizo Galego de Saúde está a analizar os futuros Plans de Saúde Locais, nos que se potenciarán as figuras dos xefes e coordinadores de servizo, e nos que cadanseu proxecto deberá adaptarse, dun xeito específico, ás necesidade do seu territorio.

Por último, García Comesaña, pechou a súa intervención expoñendo que a Consellería de Sanidade “tamén está a traballar en mellorar a atención non presencial”, enumerando, entre as ferramentas empregadas para conseguilo: a implantación das videoconsultas, a posta en marcha da nova aplicación Sergas Móbil ou o novo sistema informático CRM que permitirá xestionar dun xeito máis áxil, as interaccións cos pacientes.

28 de abril de 2021 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.