publicidade hoxe

O decreto que crea e regula o novo informe de avaliación de edificios residenciais entrará en vigor dentro dun mes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O decreto polo que se regula o novo Informe de avaliación dos edificios (IAE), un instrumento deseñado pola Xunta para acreditar o estado de conservación, a accesibilidade e a eficiencia enerxética de inmobles residenciais, entrará en vigor no mes de maio. Cómpre lembrar que deberán someterse a esta avaliación obrigatoria todos aqueles edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva que teñan 50 anos ou máis, carezan de declaración firme de ruína e con independencia de que nos mesmos existan outros usos distintos ao residencial.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o devandito decreto, aprobado polo Consello da Xunta o 8 de abril e en virtude do cal se crea tamén o Rexistro galego de informes de avaliación dos edificios (Regiae), no que se deberán inscribir todos os IAE. A nova normativa entrará en vigor dentro dun mes a contar desde hoxe, aínda que os propietarios dos inmobles afectados terán tempo para encargar e presentar os preceptivos informes.

Os concellos que así o consideren, en función do número e da antigüidade dos edificios así como dos seus propios medios e necesidades, poderán establecer un calendario para a presentación gradual dos IAE naqueles casos en que á entrada en vigor deste decreto xa teñan cumpridos 50 anos ou máis. En todo caso, nunca poderán superar os seguintes prazos: un ano desde a entrada en vigor da normativa reguladora do IAE para os edificios catalogados, e ata tres anos para o resto dos edificios con máis de medio século.

Pola contra, no caso daqueles inmobles que aínda non teñan a antigüidade mínima fixada, o IAE deberá presentarse sempre no prazo máximo dun ano a contar desde o momento en que alcancen os 50 anos ou o mínimo que estableza o propio concello, de ser o caso.

A análise dos edificios terá unha vixencia de 10 anos desde o momento da súa sinatura e as renovacións realizaranse, en todo caso, antes do 31 de decembro do último ano en vigor.

Cómpre lembrar que o novo Informe de avaliación dos edificios é un documento no que se acredita a situación actual de cada inmoble en relación co seu estado de conservación e tamén co cumprimento da normativa vixente sobre accesibilidade e eficiencia enerxética.

Aínda que esta análise será obrigatoria con carácter xeral para todos os inmobles residenciais de vivenda colectiva con 50 anos ou máis, tamén será aplicable a aqueles que teñan unha antigüidade inferior sempre que así o determine a normativa municipal.

En todo caso, existen dous supostos nos que non será necesario presentar o correspondente IAE: os edificios que conten cunha declaración firme de ruína, que quedarán exentos; e aqueles que teñan un certificado de inspección técnica de edificación (ITE), que só deberán completar a parte destinada á accesibilidade e eficiencia enerxética.

O informe terá que ser elaborado por un técnico competente, que acreditará a situación actual do edificio en base ao seu estado de conservación, as condicións básicas de accesibilidade e a cualificación da certificación enerxética. No caso de edificios catalogados ou declarados bens de interese cultural, no IAE deberase cumprimentar o apartado específico a estes efectos, indicando a data de inclusión ou de declaración así como a listaxe e a avaliación do estado de conservación dos elementos merecentes de protección.

As persoas que teñan obriga de dispoñer do IAE, deberán elaboralo e presentalo no concello onde se encontre o edificio dentro do prazo establecido, acompañado de toda a documentación requirida e dunha solicitude de inscrición no Regiae.

O concello correspondente, pola súa parte, deberá encargarse de inscribir o IAE presentado no prazo máximo de tres meses, logo de verificar o cumprimento dos requisitos formais establecidos a través do decreto publicado hoxe.

Aplicacións informáticas para facilitar a súa tramitación
O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) habilitará dúas aplicacións informáticas para axudar tanto a propietarios como a concellos neste labor. Así, por unha banda, activará unha ferramenta informática na súa propia páxina web para elaborar o informe, que xerará un documento pdf para entregar no concello, xunto co resto de documentación esixida.

Por outra, tamén se porá á disposición dos concellos unha aplicación para inscribir os IAE no Regiae. Este novo rexistro permitirá a xeración de informes e listaxes ao tempo que incluirá un sistema de alertas relacionadas coas medidas de seguridade inmediatas ou as actuacións necesarias, ademais de integrar unha ferramenta de consulta de datos públicos con tecnoloxía de información xeográfica, que tamén estará dispoñible na páxina do IGVS.

Por último, cómpre destacar que nas vindeiras convocatorias de axudas á rehabilitación que convoque o IGVS considerarase tamén como gasto subvencionable o custo de elaboración deste tipo de informes.

20 de abril de 2021 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.