publicidade hoxe

Galicia foi pioneira na posta en marcha de residencias integradas, que atenderon a 600 maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención da conselleira Fabiola García

Intervención da conselleira Fabiola García

A conselleira de Política Social, Fabiola García, recordou que Galicia foi pioneira na posta en marcha de residencias integradas, centros especializados na atención de usuarios positivos por covid-19. En total, puxéronse en marcha catro centros deste tipo: Baños de Molgas, Porta do Camiño, o Cegadi e Bodía. que atenderon a unhas 600 persoas ao longo da pandemia.

A conselleira sinalou que logo dun mes sen casos nas residencias de maiores e persoas con discapacidade, é o momento de mirar cara adiante e centrarse no novo modelo de centros que está a elaborar o comité asesor sociosanitario. Así o manifestou no pleno do Parlamento galego, en resposta a unha interpelación.

Fabiola García sinalou que Galicia é a comunidade da Península na que as residencias resistiron mellor a pandemia. Os falecementos nestes centros supuxeron o 33% do total, mentres que a nivel nacional esta cifra foi seis puntos maior, o 39% do total. Así mesmo, destacou que no conxunto de España faleceron en torno ao 10% das persoas que vivían en residencias, mentres en Galicia esta porcentaxe diminúe a menos da metade. Ademais, foi a autonomía con menor exceso de mortalidade. A conselleira matizou que esta resistencia foi froito do esforzo e traballo de todos os profesionais destes centros e das medidas postas en marcha.

Por outro lado, lembrou que o Goberno galego comunicou diariamente desde o primeiro día os casos positivos en covid-19. Subliñou tamén que agora o 94,3% dos usuarios de residencias xa están vacinados, tres puntos máis que a media nacional. A priorización dos residentes na campaña de vacinación, o traballo dos profesionais e os protocolos de prevención aplicados desde o primeiro día fixeron destes centros os lugares máis seguros de Galicia.

28 de abril de 2021 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.