publicidade hoxe

Galicia avaliará o impacto do Brexit na súa frota pola posible perda de posibilidades de intercambio de cotas con outros países

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Rosa Quintana na reunión do grupo de traballo

Rosa Quintana na reunión do grupo de traballo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na reunión do grupo de traballo sobre o brexit creado no marco do Consello Galego de Pesca e no que se definiron as liñas de traballo máis inmediatas na defensa do sector unha vez que o Reino Unido abandonou a Unión Europea. A primeira delas será a elaboración dun informe sobre o impacto económico da posible perda de intercambios de cota cos países máis afectados neste acordo pola entrega do 25% das posibilidades de pesca europeas ao Reino Unido a cambio do acceso a augas británicas durante só cinco anos e medio.

O obxectivo deste informe é coñecer os efectos negativos indirectos que pode ter o acordo do brexit na frota por esta circunstancia de cara a tela en conta no traballo futuro. De feito, este documento é fundamental tendo que conta que Galicia defende a necesidade de que no fondo de axuste do brexit se inclúan tamén compensacións para os efectos indirectos na pesca incorporando aspectos como o impacto en augas de terceiros países ou internacionais así como a menor rendibilidade polas dificultades para xerar intercambios.

O grupo de traballo sobre o brexit do Consello Galego de Pesca tamén acordou preparar un informe que avalíe os aspectos sociais e económicos da frota que faena en augas compartidas co Reino Unido de cara á determinación dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas de 2022. O obxectivo é que estes aspectos sexan tidos en conta, xunto cos medioambientais, na fixación das posibilidades de pesca tal e como establece a Política Pesqueira Común (PPC).

Os integrantes do grupo de traballo tamén constataron a necesidade de que a frota europea afectada polo brexit se manteña unida na defensa dos seus intereses polo que apostaron pola elaboración, en colaboración coa Alianza Pesqueira Europea (EUFA), dunha terceira carta de apoio á frota europea. Esta terceira Declaración de Santiago -que se sumaría ás asinadas en outubro de 2017 e xuño de 2020 polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo- contribuiría a mostrar a unidade de acción das rexións pesqueiras europeas nas negociacións posbrexit.

Nesta mesma liña, o Consello Galego de Pesca aposta pola celebración de encontros con outras rexións costeiras atlánticas con intereses coincidentes con Galicia, como poden ser as francesas ou irlandesas, para analizar vías de colaboración que poden ser claves na negociación tralo período transitorio do brexit, máis aló de 2026.

Institucións europeas

A conselleira do Mar tamén deu conta nesta xuntanza das reunións mantidas por videoconferencia nas últimas semanas tanto coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, como co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, aos que trasladou a postura de Galicia en relación coa situación derivada do brexit, a negociación das posibilidades de captura en augas compartidas e o fondo de axuste do brexit, entre outras cuestións.

Rosa Quintana detallou ademais os contactos mantidos con deputados da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo para dar a coñecer a postura de Galicia no relativo ao fondo de axuste do brexit, unhas demandas que tamén foron trasladadas ao Grupo de Cohesión da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas.

A comunidade galega defende a necesidade de que no fondo de axuste do brexit se inclúan tamén os impactos indirectos, como a dificultade para xerar intercambios, así como a ampliación dos recursos deste fondo -dos 600 aos 1.000 millóns de euros- permitindo a incorporación de fondos non empregados do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que a súa vixencia chegue, como mínimo, ata 2026. Unhas demandas que serán expostas tamén proximamente no seo da Comisión do Arco Atlántico.

20 de abril de 2021 | 09:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.