publicidade hoxe

Convócase o XXII premio Elías Valiña que distingue o labor de entidades revitalizadoras do Camiño de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de convocar a XXII edición do Premio Elías Valiña, un galardón impulsado desde a Administración autonómica co fin de distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago. Trátase dun premio dotado con 10.000€ que recoñece o esforzo de asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan entre os seus fins a protección e fomento da Ruta Xacobea.

As bases publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia recollen que para optar ao galardón as entidades deberán ter acreditada unha traxectoria de cando menos cinco anos de funcionamento efectivo e deberán entregar nas súas solicitudes unha memoria xustificativa explicando o labor realizado neste campo. A convocatoria tamén contempla a posibilidade de que o xurado propoña unha mención especial a unha persoa física que teña contribuído coa súa traxectoria vital ao fomento dos valores do Camiño de Santiago.

O xurado, composto por membros da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e por expertos en materia xacobea, entre outros, valorará as candidaturas en función de catro criterios valorados cada un por un máximo de 25 puntos. O primeiro deles serán as intervencións encamiñadas á protección do patrimonio no que se terán en conta o número de actuacións e os lugares onde son realizadas. O segundo puntuará os traballos de investigación, documentación e fomento do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo para difundilo entre a cidadanía.

O terceiro criterio fai referencia ás accións de sensibilización e fomento do asociacionismo con fins relacionados co fenómeno xacobeo e coa organización de peregrinacións e outras actividades. O último deles, pola súa banda, valorará as accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá e as solicitudes deberán ser presentadas a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

28 de abril de 2021 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.