A Xunta vacina a máis de 32.000 persoas nas vacinación masivas organizadas esta fin de semana
A Xunta de Galicia vacinou durante esta fin de semana contra a covid-19, a un total de 32.560 persoas pertencentes aos grupos poboacionais de entre 60-65 anos e 70-79 anos. Así, das máis de 42.000 persoas chamadas a vacinarse en grandes recintos, durante as xornadas do sábado e do domingo, o 75% acudiu a vacinarse contra o coronavirus.
Na xornada de onte, nos recintos de vacinación masiva habilitados por Sanidade, vacináronse un total de 21.274 persoas pertencentes ao segmento de poboación comprendido entre os 70 e os 79 anos. Neste senso, das 25.550 persoas que estaban citadas, vacináronse coa primeira dose o 83%.
Atendendo ás diferentes áreas sanitarias, este domingo 4.336 persoas foron vacinadas na área de Coruña-Cee, 1.527 na área de Ferrol, 3.886 na de Santiago-Barbanza, 1.989 na de Pontevedra-O Salnés, 4.366 na de Vigo, 2.476 na área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras e 2.694 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
35 casos casos positivos detectados nos cribados
Durante esta fin de semana a Dirección Xeral de Saúde Pública intensificou a realización de cribados poboacionais en diferentes localidades galegas. Así, das preto de 25.000 persoas que estaban chamadas para realizar probas diagnósticas, 25 deron resultado positivo. En concreto, detectáronse 11 casos no conxunto de puntos de cribado habilitados na cidade da Coruña, 1 positivo no aeroporto de Alvedro; 4 no cribado realizado en Meira, 1 no do Barco de Valdeorras e 8 nas diferentes probas realizadas en Vilanova de Arousa.
Xunto con estes cribados, a consellería de Sanidade, en colaboración co Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, realizou máis de 7.000 test de saliva entre os mozos e mozas. Polo de agora, nestas probas detectáronse 10 casos positivos, nomeadamente, 3 na área sanitaria de Vigo e outros 7 na área sanitaria de Pontevedra.