publicidade hoxe

A Xunta traslada ao Goberno que pechar Ence non é unha opción e pide certezas e seguridade xurídica para manter a actividade e o emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada esquerda
A-
A+

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde en Madrid na mesa de traballo de Ence, onde trasladou ao Goberno central que pechar Ence non é unha opción e que é preciso achegar certezas e seguridade xurídica para manter a actividade e os postos de traballo.

“Non nos podemos permitir o peche dunha industria en funcionamento”, afirmou Conde, quen agarda unha reacción por parte do Goberno que garanta a continuidade de Ence. Segundo explicou o vicepresidente económico, na reunión abriuse un escenario de traballo para analizar a súa viabilidade. Neste sentido, amosou a disposición da Xunta a colaborar co Executivo central e cos traballadores se hai un compromiso por parte do primeiro de manter a actividade e os postos de traballo. E, a maiores, poderá avaliarse un novo escenario se tamén existe o compromiso de financiamento a través dos fondos europeos, así como un investidor disposto a desenvolver esta actividade. “Galicia conta coa capacidade instalada para ter dúas industrias da transformación da madeira”, destacou.

Desde a Xunta de Galicia lémbrase o peso de Ence non só para a comarca, senón tamén para a actividade económica galega, especialmente no que atinxe á industria forestal e ao sector loxístico. De feito, case 250 empresas de Pontevedra dependen desta pasteira que é o segundo comprador de madeira en Galicia; e case 300 camións entran a diario na planta.

O Goberno galego apela ao diálogo para que se modifique a Lei de cambio climático e evitar poñer en perigo o futuro non só de Ence, senón tamén de máis de 100 empresas do ámbito mar-industria instaladas na costa galega.

21 de abril de 2021 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.