A Xunta renova a súa colaboración coa Fundación Galega contra o Narcotráfico para impulsar o servizo de xestión de bens comisados
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro, asinaron hoxe a renovación do convenio de colaboración para impulsar o denominado servizo de xestión dos bens incautados ao narcotráfico en Galicia. Ao acto tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López.
A Xunta achega 15.000 euros para que a fundación poida colaborar coas autoridades xudiciais e outros axentes implicados, cando así llo requiran, en labores de información e apoio aos profesionais especializados nas tarefas de xestión, depósito e realización anticipada dos bens inmobles incautados en procesos de narcotráfico e delitos conexos instruídos en Galicia, co obxectivo de optimizar e mellorar a súa eficiencia.
O servizo de xestión de bens comisados é coordinado pola Fundación Galega do Narcotráfico en colaboración co Colexio de Procuradores da Coruña, entidade especializada para a venda anticipada en cuxas dependencias se depositan os bens mentres se realizan as xestións para a poxa autorizada pola autoridade xudicial.
A colaboración da fundación coas autoridades xudiciais abarca desde a incautación ata a o remate do proceso de prestación do servizo.
Entre as tarefas que poden solicitar á fundación inclúese a coordinación cos axentes implicados da recollida do ben e o transporte ata o lugar de depósito. A organización tamén poderá orientar sobre os supostos nos que resulta convinte a venda anticipada dos bens e informar sobre as solicitudes de uso e cesión de bens que lle consten.
O Goberno galego colabora desta forma na loita contra as drogodependencias, a través do desenvolvemento de actividades con institucións encamiñadas a potenciar a prevención deste problema que afecta á sociedade.
O director xeral de Xustiza destacou que este apoio permite fomentar un servizo que facilita a labor das forzas de seguridade, reduce a carga de traballo e axiliza o funcionamento das unidades xudiciais que instrúen procesos de tráfico de drogas, minimizando os custos derivados do depósito e xestión dos bens comisados. Ademais, engadiu que se maximiza o beneficio á sociedade ao evitar a perda de valor dos activos grazas á súa venda anticipada para obter uns ingresos que redunden no pago de indemnizacións ás vítimas. De feito, unha das principais vantaxes do acordo é o retorno social dos bens incautados, servindo a diversas accións antidroga a través da adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais e forzas de seguridade.
Froito da colaboración entre a Xunta e a Fundación Galega contra o Narcotráfico desde 2015, entre os anos 2016 e 2020 xestionáronse 94 bens comisados, entre os que destacan turismos, camións e motocicletas, o que supón desde a creación do servizo máis de 300.000 euros en canto ao valor de activos xestionados.
Os bens obxecto do servizo consisten principalmente en vehículos, embarcacións, equipos informáticos e de telecomunicacións, caracterizados polo seu rápido deterioro e perda de valor que se venden ou asignan, en determinados supostos, a causas sociais. No período de 2016 a 2020 recibíronse peticións de 26 entidades para uso social.