publicidade hoxe

A Xunta recibe 83 proxectos innovadores que optan á aceleradora de turismo de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Turismo de Galicia recibiu un total de 83 proxectos innovadores con aplicación no sector turístico galego que optan a formar parte do primeiro programa de formación e mentorización que o Goberno galego pon en marcha gracias a Turislab, a única aceleradora de emprendemento e startups específica do sector en Galicia.

Coa cifra acadada nesta primeira edición, a iniciativa estratéxica impulsada pola Vicepresidencia Primeira, acada o seu gran reto inicial, o de reter o talento galego e atraer proxectos doutros puntos para que poidan vir a Galicia a desenvolverse e a xerar aquí un valor diferencial.

Das seis categorías habilitadas que ofrece Turislab, a que máis propostas recibiu foi Travel Tech (todo o relativo á transformación dixital do turismo, ás viaxes e ás experiencias) cun 37% do total de ideas presentadas; Sostibilidade (proxectos enfocados a asegurar un desenvolvemento sostible no sector turístico) cun 25% do total e Social Tech (a conexión entre o dixital e a sociedade) cun 14%. En total, estas tres categorías acumulan o 76% de propostas globais desta primeira edición.

Selección de proxectos

Un equipo de selección composto por 17 expertos en diferentes especialidades profesionais e de diferentes organismos públicos (Turismo de Galicia, Gain, Igape, XesGalicia), Clústeres de Galicia e asociacións autonómicas (CEG, APIT Galicia, AGAVI, ATREGA, Grupo Nove…), ademais de profesionais independentes e expertos no sector turístico e en materia de aceleración serán os encargados de avaliar os proxectos recibidos e escoller os 15 proxectos máis destacados, e outros 5 suplentes, que se darán a coñecer na primeira semana de maio.

Deles, un xurado escollerá aos 10 mellores, que serán os que pasen á segunda fase do proceso, o de Academia, para o seu desenvolvemento efectivo antes de saír aos mercados. Ademais do apoio que poidan acadar dos futuros investidores, estes proxectos contarán tamén cunha axuda económica directa da Xunta de Galicia de 80.000 euros en premios.

30 de abril de 2021 | 12:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.