publicidade hoxe

A Xunta destinou máis de 60 millóns á implantación das novas tecnoloxías no ámbito xudicial en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Galicia xa ten en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico grazas as medidas que se veñen desenvolvendo desde o ano 2009 no proceso de dixitalización da xustiza, coa inversión de 50 millóns aos que se suman 11 máis nas actuacións previstas a partir deste ano, o que supón un orzamento total de 61 millóns destinados á implantación das novas tecnoloxías no ámbito xudicial en Galicia.

En resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, recordou que no último decenio, da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, logrouse poñer en marcha todas as pezas para a implantación efectiva do expediente xudicial electrónico, como son as comunicacións telemáticas, a sinatura dixital, o visor do expediente xudicial electrónico, o sistema de gravación de vistas con sinatura dixital electrónica e a dotación progresiva de salas de vistas dixitais, a rede de videoconferencias implantada en todos os partidos xudiciais de Galicia e a sede xudicial electrónica, para facilitar o acceso electrónico á cidadanía.

Estas melloras acadáronse co desenvolvemento do primeiro Plan Senda entre 2009 e 2014, dotado con 23 millóns de euros; a posta en marcha do segundo Plan Senda, aprobado no ano 2015 e dotado con 26 millóns, e a extensión actual do devandito segundo plan.

No 2020 realizáronse case sete millóns de comunicacións electrónicas a través de LexNET, e no que vai de ano van xa máis de dous millóns, cunha media mensual de case un millón de mensaxes, polo que LexNET atópase na actualidade consolidado como ferramenta de comunicación na totalidade dos órganos xudiciais.

Todos eles, ademais, teñen implantada a sinatura dixital, ferramenta coa que o ano pasado se firmaron tres millóns de documentos, e preto dun millón no que van do presente ano, o mesmo que o visor, unha ferramenta que permite ao persoal xudicial acceder desde calquera dispositivo á información dos expedientes electrónicos.

A finais do presente ano, o 85% das salas contarán con tecnoloxía dixital, das que 32 estarán na nova Cidade da Xustiza de Vigo. Todas as salas de vistas contan xa con sinatura dixital, o que permitiu que se realizaran no que vai de ano arredor de 20.000 gravacións de vistas.

A totalidade das sedes xudiciais de Galicia dispoñen de sistemas de videoconferencia, que permiten a participación remota nunha vista ou declaración en toda a Administración da Xustiza galega. Tamén a sede xudicial electrónica está activada en todos os partidos xudiciais de Galicia, o que permitiu o ano pasado tramitar máis de 1.500 demandas a través de dita sede e descargar vídeos das gravacións de vistas. Na actualidade estase a traballar na consulta e descarga do expediente xudicial electrónico. Tamén está implantado na súa totalidade o sistema de xestión procesual Minerva.

Actuacións previstas

En canto as actuacións previstas, está planificada a dotación de salas Gesell, que permiten tomar declaracións garantindo a privacidade de testemuñas e sospeitosos. Polo que respecta á progresiva implantación das salas de vistas dixitais, das que xa se instalaron 76, está previsto rematar o proceso coa inversión de 1,7 millóns. Vanse adquirir, ademais, 30 novos sistemas de videoconferencia que, sumados aos que xa están en funcionamento, permitirá chegar á cifra de 200 dispositivos móbiles en funcionamento.

Na actualidade, o 23% das autoridades xudiciais e do persoal da xustiza en Galicia contan con ordenadores portátiles. Esa dotación vaise incrementar con aportacións de fondos europeos para chegar ao 77% do persoal mediante a adquisición de 1.476 portátiles, cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros.

Por último, Juan José Martín indicou que se seguirá traballando na progresiva implantación da sinatura electrónica, no reforzo da celebración en remoto de actos telemáticos, na extensión do teletraballo e na apertura de canles para a solicitude da cita previa, entre outras melloras.

21 de abril de 2021 | 21:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.