publicidade hoxe

A Xunta construirá un novo edificio para albergar as urxencias e o PAC do Hospital de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOurensePortada dereitaVerín
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou o proxecto de ampliación e mellora do Hospital de Verín. As obras abarcarán unha superficie aproximada de 1.500 metros cadrados, e contarán cun investimento previsto de 2,4 millóns de euros.

O proxecto constará dun novo edificio, que albergará o Punto de Atención Continuada (PAC) e o servizo de Urxencias, estará emprazado no actual aparcamento. No referido ao PAC, vai contar con tres consultas, dúas médicas e unha de enfermería, comunicadas entre si; e unha consulta covid, coa súa sala de espera exclusiva. En canto á área das Urxencias, está previsto que haxa , entre outras, unha área de triaxe, dúas consultas polivalentes, unha sala de curas, seis boxes, unha área de observación e pre alta, e unha sala de enfermería. Con esta construción vaise gañar en funcionalidade, nunha mellor atención e asistencia aos pacientes e na dotación ao persoal de mellores instalacións e medios.

De xeito paralelo, vaise acometer unha mellora enerxética integral do hospital de Verín que contempla entre outras actuacións, a instalación de paneis fotovoltaicos e o cambio do illamento térmico da cuberta.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, estivo acompañado neste acto polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén,, e o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial.

Hospitais comarcais

A mellora e ampliación das instalacións do hospital de Verín, inclúese dentro da posta en valor polas infraestruturas comarcais e por dar, así, unha mellor cobertura sanitaria ás súas áreas de referencia.

Nos últimos 11 anos, a Xunta leva actuado en todos os hospitais comarcais da rede do Servizo Galego de Saúde cun investimento total de máis de 32 millóns de euros.

Na área sanitaria ourensá está en marcha unha obra nas consultas externas do Hospital de Valdeorras, cun investimento de 450.000 euros, á que pronto se unirá outra, xa licitada por 1,4 millóns, para reformar e ampliar as áreas de cirurxía maior ambulatoria, farmacia e hospital de día.

20 de abril de 2021 | 09:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.