publicidade hoxe

A Xunta concede 1,5 millóns de euros a un total de 75 beneficiarios para financiar o coidado de plantacións forestais subvencionadas nos últimos anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da convocatoria para 2021 das primas de mantemento das forestacións, que xestiona a Consellería do Medio Rural. Neste caso, foron 70 os beneficiarios por un importe total de 1.469.771 millóns de euros.

Estas achegas son para o período 2021-2022-2023 e están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.

Os beneficiarios destas primas foron unicamente os titulares de plantacións forestais con subvencións xestionadas pola Xunta antes do 31 de decembro de 2020 ao abeiro das ordes de axudas para a reforestación e a creación de superficies forestais con coníferas e frondosas correspondentes aos anos 2016, 2017 e 2018.

Ditas primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os traballos mediante unha prima de mantemento anual nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas.

Sistemas agroforestais

O DOG tamén publica a resolución da convocatoria das primas de mantemento para os sistemas agroforestais, que combinan o aproveitamento forestal coa actividade agrícola e na cal se inclúen como actuacións elixibles os custos de mantemento desas forestacións en forma dunha prima anual por hectárea.

Nesta liña de achegas, que comprende un investimento para os anos 2021-2022-2023, foron cinco os beneficiarios que contarán cunha axuda total de case 35.000 euros. Ao igual que na liña anterior, estas primas teñen como finalidade contribuír ao éxito do establecemento do sistema agroforestal alcanzado, financiando os traballos de mantemento nos primeiros anos de existencia das plantacións forestais realizadas.

20 de abril de 2021 | 09:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.