publicidade hoxe

A Xunta compensará con 2,5 millóns de euros ao sector de transporte público de viaxeiros por estrada pola forte perda de viaxeiros rexistrada no primeiro trimestre do ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta prevé compensar con 2,5 millóns de euros ás concesionarias do transporte público de viaxeiros por estrada pola forte perda de pasaxeiros rexistrada no primeiro trimestre do ano, a consecuencia da pandemia da covid-19 e as diferentes medidas de restrición da mobilidade implantadas.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro con representantes das catro federacións maioritarias de transporte de pasaxeiros: Fegabus, Transgacar, Fegatravi e Anetra.

Na xuntanza, a conselleira deu conta de que a Xunta prevé facer efectiva a finais deste mes esta nova iniciativa de apoio ao sector do transporte público, ao constatar que as concesións rexistraron, de media, unha caída da demanda que supera o 60%.

Esta medida súmase ás postas en marcha o pasado ano, en que o Goberno galego anticipou 28 millóns de euros ás empresas concesionarias para garantirlles liquidez mentres non se materializaba o fondo de compensación anunciado polo Executivo central.

Na reunión de hoxe, Ethel Vázquez informou aos transportistas de que nos recentes encontros mantidos co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Xunta reclamou que o fondo de compensación estatal ao transporte público tivese continuidade neste ano 2021, pois tamén se están a rexistrar datos de demanda moi preocupantes.

Bonificacións da AP-9 e Xente Nova

Ethel Vázquez trasladou, tamén, aos representantes do transporte público por estrada que o Goberno galego defende que este sector estea incluído dentro do sistema de bonificacións das peaxes da AP-9 que o Executivo central comprometeu para implantar en xullo.

Ademais, a conselleira confirmou que o obxectivo da Xunta é implantar o vindeiro mes de maio, en todas as liñas de autobús da súa competencia, a tarxeta ‘Xente Nova’ para que os menores de 21 anos poidan viaxar gratis.

Con estas iniciativas, a Xunta reafirma a súa aposta polo transporte público como unha ferramenta esencial para garantir o acceso dos galegos aos servizos públicos e para consolidar un modelo de mobilidade sostible.

21 de abril de 2021 | 14:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.