A Xunta amplía o crédito para a gratuidade do segundo fillo e sucesivos nas escolas infantís privadas ante a súa boa acollida
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde que amplía o crédito para a gratuidade das escolas infantís privadas para segundos fillos e sucesivos. Deste xeito, o Goberno galego dará cobertura a todas as solicitudes de gratuidade nestes centros. En concreto, destinará 3,5 millóns de euros máis a estas escolas durante o ano 2021 e 2,2 millóns de euros para 2022.
Na anterior orde a Xunta contemplaba un orzamento de 6,5 millóns de euros para facer fronte á gratuidade das escolas infantís de titularidade privada para segundos fillos e sucesivos no ano 2021 e outros 4,1 millóns para os primeiros meses do ano 2022. Con esta ampliación, chegarase a un orzamento total de 10 millóns de euros para 2021 e 6,3 millóns de euros para 2022.
O motivo desta ampliación é a boa acollida que tivo esta iniciativa pioneira do Goberno galego, que se puxo en marcha no mes de abril do ano 2020. A semana pasada, o Diario Oficial de Galicia publicou tamén a ampliación do crédito para facer fronte á gratuidade nas escolas infantís de iniciativa social. En concreto, estes centros recibiron 400.000 euros máis para este ano 2021 —ata chegar aos 5 millóns de euros—e 350.000 euros máis para o ano 2022 —ata chegar aos 3,2 millóns de euros—.