publicidade hoxe

A Xunta amplía ata os 96 millóns de euros o seu 2º plan de rescate para dar liquidez aos negocios afectados pola pandemia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaLugoOurensePontevedraPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha ampliación no orzamento do 2º Plan de Rescate activado o pasado febreiro pola Xunta para aportar liquidez aos autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros e de outra natureza afectados polos peches realizados por criterio sanitario.

A Xunta engade 21 millóns de euros ao orzamento do 2º plan de rescate que inicialmente contaba con 75 millóns de euros, o que supón un aumento do 28%. O obxectivo deste incremento no orzamento do 2º plan de rescate é poder chegar, coma xa se fixo co 1º plan, á práctica totalidade das solicitudes que cumpran os requisitos. Na actualidade, a Administración galega está a completar os pagamentos do 2º Plan de Rescate. Ten xa aboado o 90% do orzamento inicial, dos 75 millóns de euros, é dicir, xa pagados 66 millóns.

Para a Xunta de Galicia é unha prioridade garantir o mantemento de actividade dos negocios e, polo tanto, dos empregos asociados, polo que o Goberno galego está a facer un novo esforzo económico para apoiar o sacrificio que están a facer moitas empresas que se están vendo afectadas pola covid-19. A Administración autonómica galega, polo tanto, segue aportando fondos e inxectando liquidez aos negocios máis afectados pola crise sanitaria a través de axudas directas. En total mobilizará en tempo récord cos dous plans de rescate 182 millóns de euros.

3º plan de rescate

A Xunta, ademais, xa ten avanzado o deseño do 3º Plan de Rescate que prevé activar cos 234 millóns comprometidos polo Goberno central para Galicia. En consenso cos integrantes do Diálogo Social e coa Mesa do Emprego autónomo, o Goberno galego quere seguir aplicando o que xa está a funcionar: que as axudas cheguen a todas as empresas con baixada na facturación, sen limitalas a determinadas actividades económicas como pretende o Estado.

Avogarase ademais por simplificar o procedemento previsto no Real Decreto do Goberno que sobrecarga de burocracia tanto aos empresarios como ás Comunidades Autónomas que xestionarán os cartos. E, ao igual que vén facendo cos dous primeiros plans de rescate, a Xunta, en terceiro lugar, quere pagar o antes posible as axudas, polo que se están a buscar fórmulas que permitan anticipar o 80% das axudas simplemente mediante declaración responsable por parte dos solicitantes.

O Goberno galego agarda que o Estado sexa receptivo coas peticións de Galicia posto que só busca que as axudas cheguen canto antes a todos os sectores que o necesitan.

A Xunta, ademais, amosou tamén a súa preocupación pola distribución de fondos prevista considerando insuficientes os 234 millóns de euros que lle concedeu o Estado. O importe máximo da axuda pode chegar ata 200.000 euros para as grandes empresas, polo que con esta contía, os pequenos autónomos e empresas poden verse prexudicados ou absorbidos na distribución.

Galicia, para que as axudas poidan chegar o antes posible ao tecido empresarial, asinou o convenio co Ministerio de Facenda e a Axencia Estatal de Administración Tributaria, polo que a Xunta agarda agora a inmediata transferencia dos fondos co obxectivo de sacar a orde este mesmo mes de maio.

30 de abril de 2021 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.