publicidade hoxe

Medio Ambiente anima aos galegos a usar menos de 40 bolsas de plástico lixeiro non biodegradable ao ano para reducir os efectos ambientais deste material

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada dereita
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, convidou esta mañá ao conxunto da sociedade galega a reducir ao máximo o uso de bolsas de plástico e acadar o obxectivo de empregar menos de 40 bolsas de plástico lixeiro non biodegradable antes de 2025.

A conselleira lanzou esta mañá este propósito durante unha visita ao supermercado Mercadona para coñecer a estratexia de reciclaxe que está a implantar esta empresa nalgúns dos seus centros en Galicia. Recordou que a redución do plástico dun só uso é unha das principais eivas que recolle a Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, que xa está en tramitación parlamentaria e que espera que sexa unha realidade a principios do vindeiro ano.

Destacou que este tipo de materiais son produtos que demandan unha gran cantidade de enerxía para un período útil excesivamente curto e que, cando entran en contacto co ecosistema, nos mares por exemplo, producen danos e consecuencias devastadoras.

Insistiu en que o consumo actual de bolsas de plástico produce uns altos niveis de residuos dispersos que supoñen un uso ineficaz dos recursos, provocan contaminación e agravan o problema da presenza de residuos nas masas de auga, o que supón unha ameaza para os ecosistemas acuáticos. A modo de exemplo, recordou que un 80% dos residuos mariños proceden da terra e un dos residuos máis abundante nos mares é o plástico.

Esta realidade obriga á sociedade a reducir de xeito inmediato o seu consumo ou reciclalo correctamente, un proceso máis sinxelo que eliminalo dos mares, sobre todo tendo en conta que unha bolsa común tarda -de media- uns 400 anos en degradarse; mentres que reciclar correctamente esa bolsa esixe un segundo, fronte aos catro séculos necesarios para que desapareza do mar, insistíu.
Defendeu que a nova Lei de residuos sitúa a Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o plástico, porque prohibe a entrega gratuíta de bolsas de plástico e tamén a venda de vaixelas de plástico dun só uso. Engadiu que ao mesmo tempo se converte nun referente en materia de calidade ambiental, completando o círculo marcado dende Europa ao contar con ambiciosas ferramentas para afrontar o cambio climático, a xestión de residuos e o aproveitamento dos nosos recursos; adiantándose ao Goberno central, que na actualidade só dispón dun texto articulado cando xa debería ter operativa a normativa estatal desde o mes de xullo.

Argumentou que -xa en 2019- Galicia se converteu nun referente en España e en Europa ante os retos do cambio climático e da correcta xestión de residuos, grazas a aprobación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que conta cun apartado específico para a erradicación do consumo de plástico; e da Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030, que está deseñada co obxectivo de superar o caduco modelo lineal de producir, usar e tirar.

Nese sentido, manifestou que en Galicia apóstase por unha xestión de residuos moderna e eficaz que avogue pola redución dos plástico para acadar unha rexión máis sostible; ao que engadiu que é unha tarefa na que se precisa do apoio e da implicación do conxunto da sociedade para acadar unha Galicia verde e azul.

18 de decembro de 2020 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.