O edificio Fontán da Cidade da Cultura acada xa o 70% de execución e estará rematado na primavera de 2021
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzou esta mañá que o Fontán, o edificio que completará o proxecto da Cidade da Cultura de Galicia, estará rematado na primavera de 2021. Nunha visita ás obras xunto aos reitores das tres universidades galegas –Antonio López, da de Santiago; Manuel Reigosa, da de Vigo e Julio Abalde, da de Coruña–, asegurou que o bo ritmo das obras está a permitir resolver o efecto que tivo nos traballos a suspensión da actividade durante o confinamento, así como as dificultades no subministro de materias que ocasionaron as restricións na mobilidade. Neste senso, asegurou que, pese aos efectos da pandemia, o Fontán está xa executado nun 70 por cento e os traballos continúan avanzando con axilidade.
Rodríguez valorou os avances nunha infraestrutura concibida para potenciar a investigación e afondar na integración do sistema universitario galego, acollendo institucións coas que se apoiará e dará servizos ao conxunto dos campus. Ademais, lembrou que o Fontán converterá a Galicia nunha referencia en España no eido da investigación do patrimonio ao acoller o Centro de Investigación sobre Patrimonio Cultural (Cispac) e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), dependente de CSIC.
O Fontán será sede de servizos transversais das tres universidades galegas acollendo a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario (ACSUG) –cuxo obxectivo é garantir que a docencia, a investigación, a xestión e a transferencia do coñecemento se encamiñen cara á excelencia– e o Consorcio Interuniversitario de Galicia (CISUG) –centro neurálxico da xestión conxunta das tres universidades, centralizando os servizos bibliográficos, a organización das probas de acceso á educación superior e o desenvolvemento de programas informáticos que melloren a organización–.
Centro de referencia no estudo do patrimonio
O edificio converterá o Gaiás en referencia nos estudos do patrimonio cultural, ao acoller o Centro de Investigación sobre Patrimonio Cultural (Cispac), primeiro centro universitario de investigación vinculado ás Ciencias Sociais e ás Humanidades. Vencellado ao SUG, será a maior fonte de coñecemento sobre a paisaxe, os itinerarios culturais e o patrimonio cultural e o primeiro e único centro de investigación de España nestas áreas de coñecemento. Con 2.586 metros cadrados dedicados, ocupará unha quinta parte do Fontán e funcionará como un observatorio permanente do Camiño de Santiago, encargándose de estudar a xestión, promoción, sustentabilidade e protección dos camiños e do seu patrimonio cultural.
O Fontán acollerá tamén o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), organismo dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que promove a investigación científica sobre o patrimonio cultural. O Incipit ocupará 2.320 metros cadrados, e polo uso destas instalacións, o CSIC achegará 2,4 millóns á Cidade da Cultura, ademais de asumir o custe anual dos gastos que xere o Incipit polo desenvolvemento da súa actividade.
Edificio sustentable e funcional
O arquitecto Andrés Perea, responsable xunto a EuroEstudios do proxecto e da dirección das obras, deseñou un edificio sustentable caracterizado pola funcionalidade e a austeridade dos materiais e a complicidade co resto dos edificios da Cidade da Cultura.
O cristal e o metal son os materiais que describen o seu aspecto formal. Dividido en catro andares -que suman unha superficie total construída de 13.317 metros cadrados e 12.481 útiles- chaman a atención certos servizos ou estruturas, fóra das prestacións propias dun edificio dedicado á investigación, como poden ser os laboratorios. Estes elementos singulares son: o Auditorio, con capacidade para 750 persoas divisible en tres salóns de actos independentes; o xardín cuberto con fachadas abertas, pensado tamén como espazo museístico vencellado coa actividade que alberga; os patios interiores; e unha nova rúa principal que atravesará o edificio comunicando as dúas estradas peonís da Cidade da Cultura (a do CINC e a Biblioteca de Galicia), sen ter a necesidade de rodealo.
Tanto desde o punto de vista orzamentario como operativo, o Gaiás supuxo a oportunidade de desenvolver este proxecto reducindo o seu custe, ao edificarse sobre unha estrutura xa existente –inicialmente destinada ao Teatro de Música–, así como ao aproveitar as instalacións tecnolóxicas, de seguridade e servizos coas que conta a Cidade da Cultura. Do mesmo xeito, o Fontán beneficiarase da conexión directa coa AP-9 e das sinerxías doutras institucións localizadas no Gaiás.