publicidade hoxe

A Xunta traslada a ADIF tres alternativas para o aparcadoiro da estación intermodal de Lugo coa fin de poder pechar un acordo o antes posible para o impulso conxunto da infraestrutura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoLugoPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de trasladarlle a Adif tres alternativas para solucionar o financiamento do aparcadoiro da estación intermodal de Lugo coa fin de pechar canto antes un acordo con ese organismo e o Concello da cidade para o impulso conxunto desta infraestrutura estratéxica.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiu un escrito á presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, dando así cumprimento ao acordado na xuntanza da semana pasada sobre a estación intermodal de Lugo.

A través desta carta, trasládanse tres propostas “posibles e viables” para solucionar o financiamento do aparcadoiro da estación intermodal de Lugo e, desa forma, poder asinar un acordo entre a Xunta, o Concello de Lugo e Adif para o impulso conxunto desta infraestrutura, similar ao que permitiu que a estación de Santiago afronte xa a fase final da súa execución.

O aparcadoiro da estación intermodal de Lugo foi proxectado por Adif co obxectivo de responder ás necesidades exclusivamente da estación ferroviaria, de responsabilidade do organismo estatal. Decidiuse emprazar ese aparcadoiro subterráneo baixo o edificio da nova estación de autobuses, que construirá a Xunta.

Está previsto que con ese aparcadoiro Adif atenda as necesidades propias da estación de tren que prevé reformar, e que, ademais, sexa o propio Adif quen asuma a explotación comercial dese espazo de estacionamento.

A ese respecto, a Xunta sinala no seu escrito que, para abordar o financiamento do aparcadoiro, hai que ter en conta que Adif obterá rendementos económicos futuros coa explotación comercial do mesmo. Un análise xeral da rendibilidade desa infraestrutura permite estimar que, cunha ocupación media de tan só o 28% das prazas proxectadas, Adif obtería beneficios económicos da explotación do aparcadoiro.

Tendo en conta todo o anterior, a Xunta propón, como primeira alternativa, prioritaria para o Goberno galego, financiar o aparcadoiro con cargo aos Fondos de Reconstrución Next Generation-UE, posto que a infraestrutura responde aos obxectivos de ‘transición verde’, na medida en que contribúe a fomentar o transporte público e, en consecuencia, unha redución das emisións asociadas á mobilidade.

Como segunda alternativa, a Xunta ofrece “xenerosamente” cofinanciar nun 10% o aparcadoiro, a pesar de que este responde ás necesidades da estación de tren e será explotado comercialmente por Adif.

A terceira e última proposta pasa por trasladar o emprazamento do aparcadoiro cara a outra parcela, o que simplificaría a construción da estación de autobuses e suporía un importante aforro de custos.

Finalmente, o Goberno galego lembra na súa carta que, ademais de custear integramente a nova terminal de autobuses, está disposto a participar no financiamento doutros elementos do complexo: o paso de cidade e os accesos.

6 de outubro de 2020 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.