publicidade hoxe

A Xunta defende a eficacia das políticas económicas e sociais postas en marcha na última década

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, defendeu esta mañá as políticas postas en marcha pola Xunta na última década, as cales “demostran que son efectivas para a recuperación económica de Galicia”, afirmou. Fíxoo na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento autonómico, na que indicou que o Goberno galego “seguirá traballando e poñendo os recursos necesarios para que as persoas que máis o necesitan poidan ter a cobertura social necesaria para cubrir as súas necesidades básicas”.

Arturo Parrado destacou a evolución positiva da taxa Arope, que mide o risco de pobreza e exclusión nunha comunidade, tanto nos informes do Instituto Nacional de Estatística (INE) como nos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Segundo o INE, nos últimos dez anos este indicador medrou en España máis de dous puntos ata acadar os 26,1, mentres en Galicia se reduciu dos 25,1 rexistrados no exercicio 2008 aos 23 no ano 2018; é dicir, na comunidade sitúase tres puntos por baixo da media nacional.

Necesidades básicas

Ademais, recalcou que este mesmo informe confirma que Galicia baixou en 2,5 puntos o indicador de carencia material severa, que mide a capacidade dunha persoa de cubrir as necesidades básicas. Así, pasou do 4,1 en 2012 ao 1,6 no 2018.

Con respecto ao ano 2019, último informe dispoñible, Galicia segue a rexistrar mellores datos de pobreza que a media nacional. Así, a taxa Arope sitúase na nosa comunidade no 24,3%, un punto menos que o conxunto de España. Así mesmo, Galicia tamén segue a mellorar os datos nacionais no que atinxe a poboación con carencia material severa: o 3,6% en Galicia está nesta situación fronte ao 4,7% nacional.

Datos do IGE e da EPA

Pola súa banda, o IGE constata que entre os anos 2012 e 2018 —último informe publicado— o risco de pobreza entre as galegas e galegos descendeu case cinco puntos, ao pasar do 23,5 ao 18,9.

O director xeral de Inclusión Social engadiu a estes indicadores sobre pobreza o feito de que Galicia é das comunidades autónomas con menor taxa de desemprego. A Enquisa de Poboación Activa (EPA) de onte revela que Galicia ten no terceiro trimestre do ano unha taxa de paro do 11,8% fronte ao 16,2 no conxunto do Estado, catro puntos e medio menos.

Reactivación económica e social

Na súa intervención, Arturo Parrado referiuse aos plans de reactivación económica e social aprobados pola Xunta para afrontar a crise da covid-19 así como os retos de futuro nos ámbitos da dixitalización, innovación sustentabilidade e internacionalización. O primeiro está dirixido a todos os sectores da economía galega na procura a creación de emprego e o apoio ao comercio.

En canto ao plan de reactivación social, o responsable do departamento autonómico de Inclusión, salientou que supuxo o reforzo das prestacións existentes, a axilización da tramitación da Risga e o incremento da partida orzamentaria das Axudas de Inclusión Social (AIS). Así mesmo, referiuse a algunhas medidas desenvolvidas ao abeiro deste plan, como a Tarxeta básica, o Servizo de Axuda no Fogar Extraordinario (SAF), o reforzo do programa Xantar na casa ou os Bonos coidado extraordinarios para as familias con menores a cargo ou con persoas dependentes.

Axudas a concellos e entidades

Arturo Parrado destacou o importante papel de apoio aos fogares máis vulnerables que xogan os concellos e as entidades sociais no actual contexto marcado pola covid. Ao respecto, subliñou as axudas extraordinarias concedidas aos concellos para atención a persoas sen fogar e emerxencias sociais.

Tamén apuntou que o Executivo autonómico vén de aprobar unha orde de axudas a entidades de inclusión por un montante total de 18 millóns de euros, cifra récord que permitirá financiar ao redor dun milleiro de programas de interese social nos vindeiros dous anos.

28 de outubro de 2020 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.