publicidade hoxe

O Goberno galego ofrécese a licitar de inmediato a dragaxe da ría do Burgo se o Goberno de España lle transfire os fondos necesarios para a obra

Videoconferencia das conselleiras

Videoconferencia das conselleiras

A Xunta de Galicia trasladou esta mañá ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico unha proposta para axilizar e executar, á maior brevidade, a dragaxe da ría do Burgo, ofrecéndose a licitar, de inmediato, a actuación e a asumir a súa execución se o Goberno de España lle transfire os fondos para levala a cabo, os 46,3 millóns de euros necesarios.

A Administración autonómica realizou este ofrecemento durante o encontro que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantiveron, por videoconferencia, co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e cos alcaldes dos concellos da Coruña, Culleredo, Cambre e Oleiros.

Ante a falta de avances por parte do Goberno de España nesta actuación de rexeneración ambiental do litoral de competencia estatal, a Xunta puxo enriba da mesa unha solución para poder licitar e executar, canto antes, os traballos.

“Desde a Xunta asumiremos a licitación e execución da actuación de dragaxe da ría do Burgo se o Goberno de España nos transfire os fondos necesarios para facelo”, asegurou Ethel Vázquez tras a reunión, sinalando que agora o Goberno deberá estudar e pronunciarse sobre o ofrecemento realizado.

A titular de Infraestruturas lembrou que o Goberno galego “ten máximo interese” en que se acometa a rexeneración do litoral na ría do Burgo e que se faga “canto antes” ao tratase dunha actuación “estratéxica, necesaria e urxente”.

A este respecto referiuse á demora que vén arrastrando a actuación. “Levamos demasiado tempo esperando” e isto, dixo, pese a que se trata dun proxecto consignado nos Orzamentos Xerais do Estado do ano 2018, aínda en vigor, que recollían unha partida de 24 millóns de euros para a súa execución; e tamén pese a que o Goberno dispón de fondos europeos para financiar o resto do importe, logo que desde a Xunta se puxera tamén enriba da mesa, en xaneiro de 2019, a posibilidade de financiar o proxecto de dragaxe da ría destinando os fondos europeos dos proxectos que resultaban inexecutables en prazo.

Ethel Vázquez censurou a actitude do Goberno de España pola falta de avances no proxecto, pese a ter partida orzamentaria consignada e á dispoñibilidade de fondos europeos. “O Ministerio non deixa de poñer escusas constantes para avanzar na actuación”, indicou, como o feito de que reclame á Xunta á dispoñibilidade dos terreos cando xa ten esa dispoñibilidade plena, dado que a actuación se executa sobre dominio público marítimo terrestre de titularidade estatal, e a existencia de autorizacións de marisqueo na zona é compatible coa plena dispoñibilidade do terreo do seu titular.

A titular de Infraestruturas puxo de relevo que o Goberno galego cumpriu o seu compromiso de sanear a ría do Burgo, executando obras por importe de 100 millóns de euros, quedando só pendente a execución das obras da dragaxe ambiental, de responsabilidade estatal.

Tamén destacou a preocupación da Xunta por achegar solucións, primeiro, ao problema do financiamento, coa súa proposta de destinar os fondos europeos de proxectos inexecutables á dragaxe da ría; interesándose logo por este asunto ante as autoridades comunitarias; e agora, co seu ofrecemento para asumir a licitación e execución dos traballos de dragaxe da ría se o Goberno de España lle transfire os fondos necesarios.

24 de xullo de 2020 | 14:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.