Establécese a veda do choco na ría de Arousa entre o 1 de agosto e o 31 de outubro
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Mar pola que se establece a veda para a pesca do choco na ría de Arousa, que empezará o 1 de agosto e se prolongará ata o 31 de outubro, ambos días incluídos. A Xunta establece este ano por segunda vez esta medida nesta ría e faino atendendo a unha solicitude da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, promovida pola maioría das confrarías da ría de Arousa e tras comprobar a súa viabilidade biolóxica.
Deste xeito queda prohibida neste período a captura, tenencia a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie con calquera das artes e tamén para a pesca marítima de recreo nas augas máis interiores, é dicir, por dentro das liñas de referencia do anexo III establecido no Decreto polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia de Galicia.
Así, perséguese o “establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos”, obxectivo marcado pola Lei de Pesca de Galicia. Esta veda do choco súmase á que hai nas ría de Vigo e de Pontevedra para esta especie. En ambos casos a prohibición da súa extracción comezou o 13 de xullo e prolongarase ata o 30 de outubro, día incluído.