A Xunta reclama ao Goberno central que dea a batalla para evitar recortes nos fondos da PAC para o período 2021-2027
O conselleiro do Medio Rural, José González, reclamoulle hoxe ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, que o Goberno central dea a batalla para evitar recortes nos fondos da PAC para o período 2021-2027. Así llo trasladou na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, onde o conselleiro insistiu na lealdade institucional da Xunta co executivo de Madrid para, cando menos, manter as partidas do período actual porque, engadiu, o obxectivo non está logrado.
Así, o titular de Medio Rural dixo non entender como o Consello Europeo que aprobou un presuposto extraordinario de 750.000 millóns de euros para paliar a pandemia da covid-19 puido dar o visto e prace, ao tempo, a unha diminución da partida dirixida aos gandeiros, agricultores e silvicultores. Engadiu que “nestes momentos hai que defender un sector primario forte”, tras o papel imprescindible de abastecemento alimentario que exerceron durante a emerxencia sanitaria, polo que “necesitamos unha partida orzamentaria potente”.
Nesa liña, José González amosou a súa sorpresa por que os fondos da PAC non só se propoñan recortar un 10% senón por que, ademais, perdan peso no conxunto do presuposto da Unión Europea, pasando de representar un 36% no período 2014-2020 a constituír tan só un 18%. O conselleiro redundou na necesidade dunha “PAC forte, dunha PAC ben dotada orzamentariamente” e lembrou que a Xunta seguirá manténdose leal ao Goberno central mentres sigan desenvolvéndose as negociacións. Con todo, insistiu, esas negociacións deben traducirse na “necesidade de incrementar os fondos”.
Deste xeito, o titular de Medio Rural destacou que é o momento de que o Ministerio de Agricultura se faga forte en Europa. Para apoialo con argumentos sólidos, o conselleiro lembrou que a Xunta foi por diante na creación dun grupo de traballo multidisciplinar, no que están representantes do sector e da Universidade, e que continúa avanzando para elaborar o Plan estratéxico de Galicia, tendo en conta as especificidades da nosa comunidade. O obxectivo é facilitar eses argumentos firmes e claros, para que o Goberno do Estado poida visibilizar España -e, por ende, Galicia- como unha auténtica potencia agraria, e as partidas da PAC sexan xustas e sen recortes que afecten aos agricultores, gandeiros e silvicultores.
Entre outras cuestións, o conselleiro do Medio Rural recordou que ao abeiro da PAC a Xunta defende que se aplique en España o tope máximo de 60.000 euros de axuda por explotación, para protexer as pequenas e medianas explotacións da nosa comunidade. En relación coa figura do agricultor xenuíno, aposta por unha definición esixente en canto á porcentaxe mínima de ingresos agrarios sobre os ingresos totais que debe ter para ser considerado como tal.
Sobre o pacto verde europeo, o Goberno galego demanda que xunto co enfoque ambiental os agricultores, gandeiros e silvicultores teñan tamén a transitoriedade suficiente para poder adaptar as súas actividades a ese pacto.