A Xunta autorizará que os centros de día e ocupacionais reabran a partir do 15 de xullo
A Xunta de Galicia autorizará que os centros de día de maiores e persoas con discapacidade e os centros ocupacionais, sempre que conten cun protocolo específico de reactivación aprobado pola correspondente área sanitaria, poidan reabrir a partir do 15 de xullo. Deberán, en todo caso, cumprir co Plan de reactivación no ámbito sociosanitario en vigor.
Esta decisión tómase unha vez que o persoal destas instalacións está próximo a finalizar os cursos de formación que a Xunta ofreceu de xeito totalmente gratuíto. Ademais, a Administración autonómica faralles chegar os equipos de protección individual (EPIS) necesarios para que os traballadores e os usuarios poidan contar coa máxima seguridade durante o servizo.
Cúmprese así co compromiso de normalizar progresivamente a situación destes servizos. A Xunta de Galicia leva traballando desde que se iniciou a desescalada cos centros de día para retomar as actividades que ofrecen.
Desde o 10 de xuño, permitiuse que os centros prestasen atención terapéutica individual con cita previa, como resposta ás necesidades das persoas maiores ou con discapacidade e as súas familias. Ao tempo, púxose en marcha unha formación gratuíta e facilitóuselles un protocolo de base para adaptar os centros á súa propia realidade.
Cómpre lembrar que segue aberto o prazo para solicitar o Bono coidado extraordinario para a contratación dun servizo de atención á domicilio ou para compensar a baixada salarial motivada por unha redución de xornada ou unha excedencia por coidados. A Administración autonómica tamén puxo á disposición dos centros de día e ocupacionais unha axuda económica para facer fronte aos seus custes fixos durante o período de suspensión da actividade, desde a declaración do estado de alarma.