publicidade hoxe

Os Gardacostas requisan 14.000 metros de artes de enmalle, 345 útiles e máis de 450 quilos de distintas especies de peixe e marisco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaPortada dereita
A-
A+

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron arredor de 14.000 metros de artes de enmalle, 345 útiles e máis de 450 quilos de distintas especies de peixe e marisco en distintos controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia.

A ría de Arousa foi a zona que rexistrou máis comisos e incautacións con 8.400 metros de artes de enmalle, 84 aparellos e máis de 250 quilos de distintos produtos do mar requisados. Un dos controis máis destacados desenvolveuse na illa de Sálvora e saldouse coa incautación de 1.900 metros de vetas, 1.100 metros de miños e 500 metros de trasmallos. Nesta inspección os axentes tamén se incautaron de 10 nasas e comisaron 12 quilos de polbo, 15 de centola e máis dun quilo de nécora que estaban sen identificar.

A Costa da Morte tamén foi escenario de diferentes actuacións dos axentes de Gardacostas que tiveron como resultado a aprehensión de preto de 5.000 metros de artes de enmalle, de 36 útiles e de arredor de 80 quilos de marisco e peixe. Malpica rexistrou un dos controis máis relevantes no que os axentes requisaron 3.600 metros de miños que estaban sen identificar, 36 nasas e preto de 70 quilos de peixe e marisco.

Na provincia da Coruña tamén se rexistraron comisos na ría de Muros-Noia, onde os axentes requisaron 88 útiles, a maioría cacharros, e case tres quilos de marisco. Na ría de Corme e Laxe comisaron arredor de tres quilos de marisco e un viveiro, na de Ares-Betanzos dous aparellos e 400 metros de artes de enmalle e na da Coruña seis quilos de marisco e un útil.

A maiores, na provincia de Pontevedra os axentes realizaron diferentes controis. Na ría de Vigo requisaron 128 útiles, a maioría cacharros, e preto de 20 quilos de polbo, mentres que na ría de Pontevedra comisaron arredor de 90 quilos de marisco e cinco útiles.

10 de xuño de 2020 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.