publicidade hoxe

O 061 de Galicia asistiu a 66 persoas por 47 accidentes de circulación na fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaSucesos
A-
A+

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 66 persoas debido a 47 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 19 de xuño, ata as 23,59 horas do domingo, 21 de xuño. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 21 sinistros de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 63 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 47 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 66 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 69% e do 31% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 28% dos atendidos tiña entre 40 e 54 anos.

Por provincias, Pontevedraa rexistrou 19 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

A Coruña: 15
Lugo: 9
Ourense: 4
Pontevedra: 19
Total Galicia: 47

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 65. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en sete accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 52 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes. As ambulancias convencionais atenderon nunha ocasión.

En 54 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en 12 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.

22 de xuño de 2020 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.