publicidade hoxe

A Xunta licita a construción de 24 novas vivendas de promoción pública en Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia destinará 3.513.859,70 euros á construción de 24 vivendas de promoción pública (VPP) nunha parcela propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no SUNP 13 de Santiago de Compostela, emprazado na rúa do Castiñeiriño.

O organismo público publicou hoxe a licitación desta obra, que terá un prazo de execución de 18 meses dende a formalización do contrato. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 30 de xuño.

O proxecto de construción prevé vivendas de catro, tres e dous dormitorios, segundo se indica a continuación:

• 5 vivendas de catro dormitorios
• 1 vivenda de tres dormitorios adaptada para o uso por persoas con mobilidade reducida
• 12 vivendas de tres dormitorios
• 6 vivendas de dous dormitorios

O edificio estará composto por planta baixa e tres andares. Contará con 2.581 metros cadrados útiles de vivendas e cun local de máis de 600 metros cadrados de superficie útil, ademais de rochos e dúas plantas de soto para garaxes.

As vivendas estarán dotadas de enerxía xeotérmica para produción de auga quente sanitaria e calefacción por chan radiante.

4 de xuño de 2020 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.